Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Concellos do litoral galego rexeitan o convenio de Portos e afianzan o seu apoio ó sector da pesca recreativa

Reuníronse en Rianxo alcaldes e alcaldesas de once localidades

Representantes das alcaldías de diversos concellos do litoral galego mantiveron unha xuntanza de traballo este xoves en Rianxo para abordar a situación da pesca recreativa nas zonas portuarias. Concretamente, estiveron presentes os alcaldes e alcaldesas de Cariño, Camariñas, Fisterra, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, A Illa de Arousa, Cambados, Bueu e Moaña. Tamén estaban convocados os de Sada e Ribadeo, que, por motivos de axenda, finalmente non puideron asistir, pero que igualmente respaldan o comunicado emitido.

O motivo deste encontro foi analizar conxuntamente o convenio que Portos de Galicia enviou a algúns dos concellos afectados e que consiste principalmente en

asumir as tarefas de vixilancia e sinalización das zonas nas que estaría permitida a pesca, ademais de asumir posibles responsabilidades patrimoniais derivadas do exercicio desta actividade. Valorouse como afecta ás competencias das administracións locais, mais tamén ás persoas que practican a pesca como afección.

En primeiro lugar, os rexedores e rexedoras quixeron amosar a súa postura unánime de apoio ao colectivo da pesca recreativa e o seu rexeitamento a dito convenio, que cualifican como “imposto e innecesario”. Censuraron a falta de diálogo ao non contarse cos concellos afectados para “resolver un problema que creou a propia entidade de Portos de Galicia” coa resolución de 26 de xullo de 2021, razón pola cal “debe ser este organismo público o que resolva o problema actual a través do diálogo co sector.”

Sinalan tamén que o convenio é “ilegal” no que respecta ás competencias que pretende atribuír aos concellos, xa que son “impropias” e os consistorios non contan coa capacidade de “cumprir coas obrigas que tratan de impoñer.” Nesta mesma liña, coinciden en que tampouco poden asumir responsabilidades patrimoniais, “que incluso puideran derivar en penais, que non lle corresponde aos concellos asumilas”.

Acordouse tamén dar traslado da situación á executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) co obxectivo de que teña coñecemento da

mesma e transmita así esta postura ao resto de termos municipais afectados. Ademais, anuncian que seguirán traballando conxuntamente no relativo a Portos de

Galicia, xa que afirman que “este grupo de concellos ten vontade de continuidade”.

21 abr 2022 / 18:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.