Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Consolídase a escola de música en Lousame co aumento de alumnado

Co apoio do Concello,
a asociación O Son do Pote imparte clases a unha vintena de persoas

Lousame. A Escola de Música Tradicional do Concello de Lousame está a consolidarse no municipio, sumando xa unha vintena de alumnos e alumnas que todos os martes acoden ás clases de Fernando Docampo na casa da cultura municipal. Na actualidade as sesións son moi personalizadas, posto que a pandemia do COVID obrigou a reducir os aforos nas aulas.

Así, os membros da asociación O Son do Pote, impulsora desta iniciativa, repártense en grupos de catro alumnos e alumnas para aprender a crear música con instrumentos tradicionais galegos. Se ben, sinalan que cando a situación o permita volverán a ensaiar como agrupación e tamén manterán as clases máis persoais de gaita, percusión e pandeireta.

A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, comentou que “para o Concello de Lousame é un honor contar cunha escola de música tradicional coma a do Son do Pote. Sen dúbida, apoiarémolos en todo o que precisen”. Pola súa banda, o docente responsable, Fernando Docampo, apuntou que as clases comezaron “en Tállara fai sete anos e agora decidimos facer clases máis individualizadas, tanto de gaita como percusión tradicional”.

Finalmente, o presidente do citado colectivo, Francisco Avelino García, explicou que “neste momento pola pandemia non podemos facer actuacións, que é unha das partes que máis desfrutamos posto que nos permite viaxar e levar a nosa música máis alá da nosa comunidade”.

A matrícula para inscribirse nesta escola está aberta durante todo o ano, se ben este ano dada a situación derivada da pandemia do COVID non hai xa prazas dispoñibles.

INICIO O Son do Pote empezou a impartir estas clases hai sete anos, pero foi a creación da Aula de Lousame da UNED Sénior a que permitiu o seu crecemento, coa entrada do músico Fernando Docampo como profesor. A inquietude deste alumnado deu pé á creación da agrupación e da escola municipal de música tradicional. Dende o Concello de Lousame apostaron por apoialos a través dunha subvención económica e cederlles o espazo da casa da cultura para impartir as clases, onde seguen a ter lugar todos os martes. m. c.

07 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.