Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Construción de calidade: hai 14 finalistas galegos na Bienal Española de Arquitectura

Seleccionáronse traballos en Ribeira, Outes, Muros, Silleda, A Estrada, Carnota, Mazaricos, Santiago, A Coruña, Vigo, Mos e Baiona // O fallo coñecerase no verán

A XV edición da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU) publicou a pasada semana a listaxe dos 100 proxectos seleccionados e 70 finalistas da convocatoria Panorama de Obras, entre preto das 600 propostas presentadas a unha convocatoria que reflicte o estado actual da arquitectura e o urbanismo en España. Do total de finalistas, un 20 % son proxectos realizados en Galicia por profesionais galegos.

A convocatoria premiará o máis relevante da arquitectura e o urbanismo dos últimos tres anos (2018-2020) cunha selección de 20 proxectos que se darán a coñecer como pistoletazo de saída desta BEAU que se inaugurará aproximadamente nun mes baixo o lema España vacía, España llena. Estrategias de conciliación. Exporanse do 28 de xuño ao 16 de setembro no Pavillón de Barcelona e do 2 de xullo ao 23 de setembro no Museo Patio Herreriano de Valladolid. A esta dobre sede física da Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo únese nesta edición un terceiro espazo (http://labienal.es) que se converterá en sede virtual desde a que seguir as novidades.

Hai 14 obras galegas entre as 70 finalistas. Está seleccionado a Escola Infantil A Baiuca, situada na Estrada con cinco unidades e executada en madeira, de Elisabeth Abalo e Gonzalo Alonso; e o Campo de fútbol de A Gandareira, situado no límite do casco urbano do lugar de Bandeira, concretamente na parroquia de Manduas do Concello de Silleda, nun espazo indefinido entre o rural e o urbano, nesa xeografía dispersa que tanto caracteriza ao hábitat galego, e obra dos arquitectos Abraham Castro Neira y Carlos Alberto Pita Abad.

Tamén están nesta categoría de finalistas, a Casa O Fieiro, rehabilitación dun pequeno cortello para animais no lugar de O Fieiro no Concello de Mazaricos, obra do arquitecto Arturo Franco; Lavadoiro de Artes, espazo de relación social para as mulleres do lugar construído nos anos 40 no paso do río Artes na estrada de Ribeira a Corrubedo, lavadoiro recuperado polo arquitecto Carlos Seoane; O banco do Piñeiro, proxecto tamén de Carlos Seoane para xerar camiños nun contorno onde se unen valores patrimoniais diversos –históricos, paisaxísticos e botánicos–, situado en Castro da Cidá na estrada de Ribeira a Carreira; Centro Social en Cornido, obra dos arquitectos Covadonga Carrasco e Juan Creus onde crean un pequeno edificio para unha pequena comunidade de veciños na aldea de Cornido no Concello de Carnota.

A lista continúa coa Rehabilitación de vivenda unifamiliar en Miraflores no Concello de Muros, obra dos arquitectos Iago Fernández Penedo e Óscar Fuertes Dopico que dan forma a unha idea de proxecto que busca resaltar a súa identidade, dignificando o preexistente e creando un espazo interior fluído e bañado pola luz e dirixido ás vistas; e o Complexo turístico de Albeida, intervención hoteleira no lugar de Albeida no Concello de Outes, no fermoso vértice da ría de Muros e Noia, con nove aloxamentos exentos e de nova planta que deben complementar a rehabilitación de catro construcións tradicionais, obra de Alfonso Salgado e Francisco Liñares.

Tamén están entre os finalistas a Cooperativa de vivendas Trece Rosas Residencial, obra dos arquitectos Manuel Carbajo e Celso Barrios en Santiago de Compostela, asentada nun polígono residencial xurdido nos anos 90 na contorna da Hermida de Santa Marta, xunto ao Monte de Conxo; e tamén na provincia coruñesa Tribuna Pública, instalación temporal na praza situada nas inmediacións da Fábrica de Tabacos da Coruña, un espazo permeable de encontro para a cidadanía, obra do estudio Flu-or Arquitectura e a arquitecta Alba González.

Xa en Pontevedra está seleccionado o Berbés UVigo, a nova sede para a Universidade de Vigo no centro histórico coa rehabilitación de tres antigas casas de pescadores, obra dos arquitectos Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso; os Prados de xogo A Fouteza. Primeiro Acto, concurso para a cidade deportiva, no Camiño do monte do Couto na parroquia Cela no Concello de Mos, con lugares públicos, colectivos e usos diversos, obra de Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera; a Biblioteca e Arquivo Municipal de Baiona, situado no antigo Hospital Sancti Spiritus, construído no século XVI fronte á antiga Colexiata de Santa María, obra dos arquitectos Clara Murado e Juan Elvira; e, por último, a Modificación puntual do Casco Vello de Vigo, documento urbanístico que ten como finalidade adaptar a norma á ordenación e ás determinacións do proxecto gañador do concurso de ideas da Panificadora (antiga fábrica de pan) mediante a Modificación Puntual do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Vello de Vigo, dos arquitectos Jorge Salgado e Celso López.

22 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.