Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Corenta e catro pobrenses fórmanse en fisioloxía, economía e cromática

A Pobra. Un total de corenta e catro veciños e veciñas da Pobra do Caramiñal participan dende esta semana na quinta edición de Camiños de coñecemento e experiencia, o programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que difunde entre a veciñanza maior de cincuenta anos da localidade coñecementos científicos, humanísticos e artísticos. O acto de apertura tivo lugar no auditorio do Museo Valle-Inclán e contou coa presenza da directora do IV Ciclo da USC, Esther Olveira, para darlle a benvida ás persoas que toman parte nesta edición.

A oferta formativa abrangue as temáticas da fisioloxía, socioeconomía e cromática. Cada unha delas consta dunha sesión teórica e outra práctica a cargo de persoal docente vencellado a este proxecto que transcorre ao longo de todo o mes de maio.

O ciclo comezou co seminario titulado O sono e os seus trastornos, da man da doutora en Psicoloxía Mónica Antelo Martelo, quen ademais lle ensinou aos alumnos e alumnas técnicas para conciliar o sono. Esta profesional impartirá a mesma charla o martes 24 en Rianxo, tamén no marco do Ciclo da USC, a partir das 16.30 horas no auditorio desa vila.

A programación do ciclo pobrense continuará o luns día 16 da man de José Manuel Vázquez Lijó, co seminario Tradición e modernidade nos escenarios galegos (1880-1950). Vellos e novos oficios e negocios.

Vázquez Lijó guiará o martes día 24 aos participantes no ciclo durante unha visita ao Museo do Pobo Galego, en Santiago. Finalmente, Nerea Varela Castro será a encargada de ofrecer o último seminario programado, denominado Simboloxía das cores, o mércores día 18. s. s.

12 may 2022 / 17:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
USC
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.