Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cruces ante a ‘morte’ da planta de Lousame

Foron colocadas na autovía para visibilizar as demandas dos traballadores // Piden solucións

O comité da planta de tratamento de residuos de Lousame continúa coas mobilizacións para esixir un plan que garanta o futuro da actividade e a estabilidade de todos os postos de traballo máis alá da finalización do contrato en 2023 coa actual xestora, FCC.

Nesta ocasión, a representación do persoal fixo unha acción de protesta para visibilizar as súas demandas, que consistiu na colocación dunha faixa e numerosas cruces alusivas á morte da planta se non se achegan solucións, na beira da autovía a Noia.

Dende o comité explicaron que tentaron conseguir permiso para levar adiante esta protesta sen obteren resposta, polo que “decidimos continuar adiante con esta mobilización pacífica e sen impacto no tránsito”, indicaron.

Deste xeito, este luns colocáronse 22 cruces en representación do comité de empresa e a súa familia inmediata, pero a intención é que os preto de 170 traballadores directos, como tamén os postos de traballo das auxiliares poñan cadansúa cruz, así como dos familiares que dependen deles e delas. Na realidade, da actividade económica da planta de Lousame dependen máis de 500 persoas. Segundo avanzaron, serán instaladas nos próximos días.

Non obstante, xa adiantaron que no caso de que non se lles permita continuar coa acción reivindicativa e se lles retire o material, “teremos que intensificar as medidas de presión, mesmo con cortes na circulación da autovía, coas consecuencias que isto supón”, manifestaron.

Ao respecto aclaran que se trata “dunha cuestión de liberdade de expresión. Nós queremos visibilizar o conflito e queremos facelo dun xeito compatíbel coa libre circulación e sen ocasionar molestias”. Se iso non se lles permite, “nunha estrada titularidade da Xunta”, pode rematar converténdose “nun problema de orde público, e dificultar durante meses e de forma continua o tránsito de vehículos ao Barbanza”.

Agardan que non sexa necesario, pero afirman que “a loita polos postos de traballo vai ser inevitábel”.

21 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.