Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dá comezo a limpeza dos petróglifos de Os Mouchos e Forxa Vella

Ambos xacementos de Rianxo son BIC // Actuarase tamén nos seus entornos e accesos

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade porá en marcha a vindeira semana os traballos de roza e limpeza nos xacementos arqueolóxicos de Os Mouchos e da Forxa Vella, ambos ubicados no concello de Rianxo, co obxectivo de favorecer a súa conservación e visualización. Trátase de dous petróglifos que están declarados como Ben de Interese Cultural e que supoñen unha importante representación da pegada rupestre en Galicia.

En concreto, os traballos que se realizarán nestes dous puntos consistirán na roza selectiva, limpeza e retirada de vexetación, así como unha roza nos camiños de acceso ao xacemento. Asemade, está proxectado facer un protocolo de limpeza e mantemento da vexetación para a posta en valor destes bens.

O petróglifo de Os Mouchos, sito nas proximidades da aldea de Brión, está composto por tres afloramentos rochosos nos que se pode ver un extraordinario conxunto de gravados que parecen formar parte dunha composición unitaria. Atópanse nestes tres paneis máis de sesenta representacións, a maior parte zoomorfos –cervos e cabalos– e antropomorfos, o que dá unha primeira idea da complexidade do mencionado conxunto rupestre.

O xacemento de Foxa Vella é un único afloramento rochoso no que se aprecia un conxunto de combinacións circulares, distintas representacións de armas, coviñas, trazos sinuosos e motivos poligonais irregulares, así como gravados cruciformes, unha estrela de seis puntas e algún outro motivo irregular.

Dita actuación será realizada polo técnico arqueólogo Andrés Bonilla Rodríguez, quen en 2007 realizou a intervención da documentación e diagnose para a conservación e posta en valor dos gravados rupestres destes xacementos, e que estará acompañado polo persoal auxiliar necesario.

05 dic 2020 / 15:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.