Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dende 2009 rehabilitáronse no ámbito da ARI de Rianxo 165 vivendas

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, subliñou este venres en Rianxo que a política de vivenda do Executivo central implica un investimento de 4,2 millóns de euros en rehabilitación e renovación de residencias na provincia da Coruña. O Goberno aporta 2,8 millóns euros, a Xunta algo máis de 725.000 euros e os concellos, máis de 700.000.

María Rivas mantivo unha xuntanza co alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e a concelleira de Urbanismo, Carmen Figueira, para abordar as necesidades da localidade. Abordaron, entre outros temas, a primeira fase da renovación do alumeado público, cunha achega de case 800.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica, ou a extensión da banda ancha, que chegou a máis de corenta núcleos do concello cos plans do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Acompañados polo arquitecto municipal, Carlos Henrique Fernández Coto, e da concelleira Rosana García, supervisaron as actuacións na Área de Rehabilitación Integral de Rianxo, na que se leva actuado xa en 165 vivendas dende 2009, cun investiemnto total de 3,5 millóns de euros. O concello vén de firmar coa ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, un convenio para a rehabilitación de outras seis vivendas nesta zona, cunha achega de 53.000 euros do Goberno, 39.800 do propio municipio e 13.700 da Xunta.

Estas actuacións están dentro do Plan Estatal de Vivenda. María Rivas lembrou que na última sinatura de convenios, a provincia da Coruña sumou 354 vivendas a rehabilitar ou renovar, tamén nos concellos de Corcubión, Ferrol, Mugardos, Noia e Santiago de Compostela. En total, teñen un investimento de 4,2 millóns de euros. O Goberno aporta 2,8 millóns euros, a Xunta algo máis de 725.000 euros e os concellos, máis de 700.000.

A subdelegada do Goberno detallou que as políticas de transformación urbana e rural do Executivo que preside Pedro Sánchez suman 230 millóns entre 2021 e 2022 en Galicia. De feito, vén de transferir 3,8 millóns de euros a Galicia para rehabilitación enerxética, coas achegas xestionadas pola Xunta e o prazo xa aberto ata setembro.

María Rivas explicou que o Plan Estatal de Vivenda, pechado en decembro antes de abrir o que abranguerá o período 2022-2025, cumpriu os seus tres obxectivos: o de contribuír ao incremento do parque de vivendas en alugueiro; o de fomentar a rehabilitación e rexeneración urbana e rural; e o de impulsar políticas de axuda aos colectivos vulnerables económicos e sociais para que poidan ter acceso a unha vivenda digna. Compromete o conxunto da sociedade e as institucións fomentar e manter o parque público de vivenda, incrementar a vivenda en alugueiro social, axudar aos mozos e vulnerables, erradicar o chabolismo e a infravivenda.

A subdelegada explicou que o próximo Plan Estatal de Vivenda incluirá axudas ao alugueiro de vivenda habitual a persoas con escasos recursos económicos, a mozos, a vítimas de violencia de xénero, a afectados por desafiuzamentos, a persoas sen fogar, e a outras especialmente vulnerables.

14 ene 2022 / 18:19
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.