Denuncia o PSOE galego o ‘incumprimento’ do plan de xestión dos residuos
Paloma Castro mantivo onte un encontro co comité de empresa da planta de Lousame
Lousame. A portavoz de Medio Ambiente do PSdeG, Paloma Castro, denunciou onte o “incumprimento flagrante” por parte da Xunta dos obxectivos marcados hai dez anos no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia.
A responsable socialista presentou unha serie de iniciativas no Parlamento neste sentido logo dun encontro co comité de empresa da planta de residuos de Lousame, na que tamén participou a parlamentaria Noa Díaz.
Castro afeoulle ao Goberno galego que veña de actualizar o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG), o pasado mes de decembro, “sen explicar o fracaso rotundo dos obxectivos marcados para o Plan orixinal, que se remonta a xaneiro de 2011”.
Por iso, esíxelle ao executivo autonómico “que explique por que incumpriu tan claramente os obxectivos do PXRUG, presente o informe de conclusións que tiña que ter elaborado, e que sinale as posibles sancións por parte do Estado e a UE por este incumprimento”.
Finalmente, os socialistas solicítanlle á Xunta que xustifique onde destinou o investimento que tiña previsto para a construción de máis de once novas plantas de compostaxe de Fracción Orgánica de Residuos Sólidos Urbanos (Forsu), das que “non levou a cabo nin a primeira”, aseguraron ao respecto. m. c.