Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Foi o sendeirista boirense Juan Antonio Dieste quen os atopou en San Martiño de Fruíme, preto dun camiño forestal // Unha rocha ten cinco cruces, e a outra trinta // En Barbanza e Noia hai cincocentos noventa e un xacementos TEXTO Suso Souto

Descubertas dúas novas zonas de gravados rupestres en Lousame

Hai unhas semanas, un sendeirista de Boiro, Juan Antonio Dieste, protagonizou un importante achado: localizou dúas zonas con gravados rupestres no municipio de Lousame, concretamente na parroquia de San Martiño de Fruíme, preto dun camiño forestal que ascende dende o lugar de Millón ata o alto do Castelo de Fruíme ou Castro da Casa dos Mouros, cuxo topónimo é A Cova.

O primeiro grupo sitúase a uns tres metros ao leste do mencionado camiño forestal, sobre un bolo de granito exento, sobre o cal aparecen representadas cinco cruces, tres delas ensartadas nun círculo.

O segundo grupo, a uns 55 metros do anterior, e tamén a escasos metros do camiño, presenta un conxunto máis variado de gravados.

Concretamente, está composto de preto dunha trintena de cruces, maiormente rodeadas de cadanseu círculo; dúas cazoletas e un podomorfo (pegada) e algún outro suco.

“En principio, todo parece apuntar a que se trata de gravados históricos, quizá medievais ou incluso modernos. As representacións tampouco se apartan do xa coñecido na comarca, como por exemplo os casos do Penedo da Cruz ou de Pedra Leirada, ambos no termo municipal pobrense, ou algúns dos exemplares representados sobre a Cruz do Loreto (en Cabeiro, San Vicente de Noal, en Porto do Son)”, sinala o responsable do Centro Arqueolóxico do Barbanza, Víctor Berbeito.

Actualmente, os terreos nos que apareceron estes novos gravados pertencen á Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de Castelo de Cabalariza e Confurco, de Lousame, máis todo parece indicar que os gravados son froito dun antigo deslinde. “Pola proximidade ao límite do monte comunal é probable que sexa un límite antigo do mesmo, pero tampouco pasa lonxe o parroquial, polo que non se pode descartar, a expensas de dispor de documentación histórica que o acredite, que se trate dun límite destes, ou mesmo dalgún couto ou xurisdición”, sinala Barbeito.

O termo municipal de Lousame conta con 9 zonas con gravados (petróglifo de Lesende ou Agro da Costa, Fonte dos Tremos, Monte Muralla 1 a 3, Chan do Rego 1 a 3, e Monte Pedride), 8 delas en terreos da parroquia de San Martiño de Fruíme e un só en San Martiño de Lesende.

Trátase do segundo concello máis grande do Barbanza, pero con menor densidade de xacementos por quilómetro cadrado. Concretamente 0,34 xacementos por quilómetro cadrado, moi lonxe dos 2,24 de Rianxo ou dos 2,31 de Porto do Son.

Segundo información extraída dos datos públicos do Visor de Aproveitamentos Forestais, Lousame, con 93,5 quilómetros cadrados de superficie, ten 32; Boiro, con 86,2, ten 124; Ribeira, con 67,9, ten 36; Rianxo, con 58,6, ten 132; A Pobra do Caramiñal, con 32,3, ten 31; Noia, con 39,3, ten 17; e Porto do Son, con 94,6, ten 219. En total suman 591.

Os novos achados de Lousame xa foron postos en coñecemento da administración competente (a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural).

areadecompostela@elcorreogallego.es

01 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.