Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ARTE RUPESTRE. Atópanse a cinco metros un do outro, no peche dunha finca na aldea de Abuín // Non está previsto retiralos // Entre os gravados da Foxa Vella destacan a forma dunha man, puñais e unha estrela de seis puntas TEXTO Suso Souto

Dous petróglifos sosteñen un muro na parroquia de Leiro

No lugar de Abuín, na parroquia rianxeira de Leiro, acháronse hai dous anos novos gravados rupestres. Atópanse en dúas lousas independentes que actualmente forman parte dun muro que pecha unha finca de dimensións considerables. As rochas están na base da estrutura, no extremo sur da finca, lindando cun camiño que dá acceso a unhas vivendas. E alí, incrustados entre outras pedras, van permanecer eses petróglifos porque, según o alcalde, Adolfo Muíños, non está previsto retiralos para garantir a súa conservación.

As dúas pezas son de granito e áchanse a unha distancia duns cinco metros unha da outra. Nunha das rochas, cunha forma próxima ao rectángulo, están gravados dous círculos concéntricos abertos na parte inferior; un deles mide 38,5 centímetros de diámetro, e o outro 31,5 e albergan no seu interior unha pequena coviña lixeiramente desprazada cara a parte superior, e que, á súa vez, está delimitada por un pequeno círculo e radiada.

“O radio diríxese cara a parte inferior, saíndo pola apertura dos círculos. Nesta parte inferior, e no límite visible da rocha, o círculo exterior dobra e convirte o remate nun pequeno cadrado, facendo un xogo curioso cunhas fendas naturais da rocha, semellando os cuartos traseiros, ventre e lombo dun cuadrúpedo que se introduce no círculo”, sinala ó respecto o arqueólogo Víctor Barbeito, quen estudou ditos elementos xunto a Julián Bustelo.

Na outra rocha, cunha forma fusiforme chantada de maneira vertical, cunhas dimensións de 89 por 93 centímetros, destaca a presenza dun círculo na parte superior dereita, neste caso pechado, duns 15 centímetros de diámetro, así como sendas depresións de entre 2 e 3 de fondo, de forma rectangular, con esquinas redondeadas, situados na parte inferior esquerda da rocha “e que non están enteiras; poderían ser morteiros ou piletas, ou mesmo, sendo máis arriscados, podería tratarse dun par de pés”, engade.

“Este conxunto de novos gravados veñen sumarse ós xa coñecidos da zona rianxeira, prolixa neste tipo de representacións artísticas, que dende que comezaron a agromar alá por 1980, cando os profesores Francisco Calo Lourido e Xosé Manuel González Reboredo deron a coñecer a Foxa Vella, non pararon de abrollar, constituíndo un punto de inflexión o traballo levado a cabo a principios dos anos noventa polos mestres Xoán Andrés Fernández Castro, Pedro Piñeiro Hermida e Ramón Ces Castaño”, sosteñen Barbeito e Bustelo no seu estudo.

Os petróglifos de A Foxa Vella atópanse no Monte da Pena, tamén na parroquia de Leiro. Trátase dunha laxe rectangular cos bordos redondeados situada a rás do chan.

ESPADAS. “No seu amplo panel mestúranse motivos de formas xeométricas pertencentes ó repertorio tradicional da arte rupestre galaica, como coviñas, círculos simples, combinacións circulares, un surco de norte a sur e os motivos naturalistas representados por un interesante conxunto de armas composto por puñais, alabardas e espadas”, di ao respecto o colectivo A Rula, adicado ao estudo da arte rupestre.

“Represéntanse ata tres alabardas de folla triangular con crista central e polo menos dous puñais cun pequeno mango, así como varias espadas situadas na parte inferior da laxe”, engaden. Destacan pola súa curiosidade as representacións feitas con posterioridade entre os gravados prehistóricos dunha pequena man gravada na zona inferior da laxe e unha estrela de seis puntas.

20 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.