Eliminan tras varios anos un vertedoiro en Espiñeiro, en Rede Natura
Outes traballa agora con Costas no deseño dun plan para a posta en valor dos terreos
Outes. Persoal adscrito á Demarcación de Costas do Estado, en colaboración con traballadores do Concello de Outes, procederon esta semana a realizar as tarefas de retirada de varias toneladas de residuos que había depositados nun vertedoiro ilegal, nun espazo de alto valor ambiental e ecolóxico ubicado no lugar de Espiñeiro, moi preto da localidade de Serra de Outes.
Este vertedoiro ilegal, segundo informaron fontes municipais, era un problema que levaba anos sen solución e ao que agora se lle pon fin.
O alcalde do municipio, Manuel González, agradeceu a colaboración prestada pola Demarcación de Costas do Estado, do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, “pola súa involucración neste importante proxecto de preservación medioambiental”, sinalou.
Neste sentido, González López sinalou que, con esta actuación de limpeza e rexeneración, “a administración local avanza no obxectivo de eliminarmos os vertedoiros ilegais que hai no concello outense e garantimos o coidado do medio natural”.
REXENERACIÓN. Por outra banda, o mandatario explicou que o executivo local que preside está traballando co citado organismo estatal no deseño dunha proposta para poñer en valor este espazo natural, que está incluído na rede de espazos naturais protexidos a escala da Unión Europea mediante a figura da Rede Natura 2000, coa que se pretende salvagardar os valores ambientais, os hábitats, a fauna e a flora. s. souto