Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Na provincia beneficiaranse das axudas para a contratación indefinida un total de 86 persoas, das cales 53 pertencen a concellos da área compostelá // Santa Comba e Mazaricos son as dúas vilas que recibiron a maior subvención TEXTO Claudina Estévez

Emprego estable e de calidade para os municipios do rural

Un total de 86 persoas vanse beneficiar este ano das subvencións da Deputación da Coruña para financiar a contratación indefinida en microempresas e Pemes da provincia. E é que a institución provincial vén de publicar no BOP a resolución de concesión das axudas do programa PEL-Pemes Mantemento do cadro de persoal, das que se beneficiarán, como se dixo, un total de 86 microempresas, Pemes e persoas profesionais autónomas con domicilio fiscal en municipios de menos de vinte mil habitantes da provincia. O importe total de axudas concedidas é de 864.306,36 euros.

No caso concreto dos concellos que conforman a área compostelá, o montante global é de 564.050,01 euros, e son 53 as persoas beneficiadas. Segundo explicou Valentín González Formoso, ante o difícil panorama socioeconómico actual, o ente provincial decidiu suplementar o crédito destinado a esta convocatoria para poder conceder todos os apoios solicitados a aquelas empresas que cumprisen os requisitos esixidos nas bases reguladoras. De aí que finalmente o orzamento inicial de 500.000 euros se incrementase ata acadar os 864.306 euros necesarios para conceder as axudas ás 86 empresas solicitantes que cumprían todos os requisitos.

Estas empresas recibirán unha subvención do Pel por segundo ano consecutivo, co que sufragarán o 50 % dos custes laborais, incluíndo os de soldos e salarios e Seguridade Social das persoas traballadoras contratadas con carácter indefinido durante o pasado ano 2020.

Atendendo á distribución das subvencións por concellos, na área compostelá destaca Santa Comba, con oito axudas concedidas por un importe de 80.800 euros, seguida de Mazaricos, con sete subvencións por valor de 66.931 euros.

En canto á tipoloxía do negocio das entidades beneficiarias, a maioría son microempresas (supoñen un total do 59 %) seguidas de autónomos (un 35 % do total). A porcentaxe que queda, un 6 %, corresponde a medianas empresas. Ao outorgar estas axudas, segundo explican dende a Deputación, o PEL continúa a súa senda de xeración de emprego estable e de calidade na provincia, impulsando desta forma a creación de novos postos de traballo e tamén o mantememento das contratacións que teñen carácter de indefinidas.

O PROTAGONISTA
“Reforzamos o orzamento nun 73 %”
Valentín González Formoso
Presidente da Deputación
da Coruña

O presidente do ente provincial explicou que o “obxectivo do PEL é fomentar a creación de emprego estable e de calidade, especialmente nos concellos máis pequenos e rurais da provincia no contexto actual”. “A Deputación quere estar ao carón de todas aquelas empresas e persoas autónomas que desexen contratar e fomentar o emprego estable; por iso reforzamos o orzamento nun 73 %, co obxectivo de poder atender todas as peticións que cumprían coas bases. Isto vai permitir que as 86 persoas que comezaron a traballar o ano pasado coa axuda da Deputación poidan manter o seu emprego este ano”, engadiu ao respecto Valentín González Formoso.

O presidente do ente provincial recalcou que este reforzo do orzamento nun 73 por cento prodúcese “nun ano especialmente difícil”, lembrou. Xa son máis de 3.300 as contratacións indefinidas dende que se puxeran en marcha estas axudas no pasado ano 2016.

{ A OLLADA }
Apoio empresarial
Claudina Estévez

A Deputación da Coruña tivo moi en conta a pandemia este ano á hora de conceder as subvencións para a contratación indefinida en microempresas e Pemes da provincia. E é que a crise sanitaria actual foi nefasta para a economía das empresas e implicou a perda de moitos postos de traballo. É por iso que é de agradecer que se decidise dende o ente provincial incrementar o orzamento incial, que era de 50.000 euros, ata os 864.306 que se conceden na provincia este ano. Ademais, cabe resaltar que a maior parte do apoio vai dirixido ás microempresas e autónomos, co ánimo de dar un impulso aos que peor están a levar a situación actual. Son asemade estas subvencións un símbolo do contrato indefinido e de calidade, algo que por desgraza hoxe en día escasea, e xa non só entre a xente máis nova, senón cada vez máis entre persoas de mediana idade.

29 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.