Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

En marcha a instalación da rede de saneamento de Os Muíños ó longo de dous quilómetros de tubaxes

RIBEIRA. O Concello de Ribeira adxudicou á empresa Marqués de Marancán S.L. por 237.308 euros as obras para dotar de servizo de saneamento ó lugar de Os Muíños, na parroquia de Oleiros, que implicarán a instalación de case dous quilómetros de tubaxes.

En concreto, colocaranse unha rede de 1.557 metros de PVC compacto de 315 milímetros de diámetro; trinta e catro pozos de 1,70 metros de profundidade e outros dous de 3,70 metros de fondo; e 342 metros de tubaxe de polietileno de 75 milímetros de diámetro.

Así, a través dos colectores de PVC conduciranse as augas fecais por gravidade ata o punto máis baixo do trazado, onde se implantará unha estación de bombeo, previa instalación dunha arqueta de entrada. Dentro do pozo de bombeo haberá dúas bombas trituradoras mergullables, xunto coa caldeirería e valvulería correspondentes. Dende alí impulsaranse as augas fecais a través dunha tubaxe de polietileno ata a súa conexión coa rede xeral da Gándara.

Por outra banda, o Concello adxudicou a Excavaciones Nima S.L., por 163.138 euros, a dotación dos servizos de saneamento e abastecemento de auga ao lugar das Lombas, na parroquia de Palmeira. Vaise instalar, segundo o proxecto, unha tubaxe de 315 milímetros de diámetro e 578 metros de lonxitude, ademais de 23 pozos de rexistro. A través do colector vanse levar as augas residuais por gravidade ata o punto máis baixo do trazado, onde se instalará un pozo de bombeo. Dende alí, as augas impulsaranse por outra tubaxe, neste caso de polietileno de alta densidade, de 549 metros de longo e 90 milímetros de diámetro, ata a súa conexión coa rede xeral.

Para as obras de abastecemento colocarase unha canalización de 500 metros de longo e 75 milímetros de diámetro, xunto con dúas válvulas de comporta e dúas de vaciado, así como dúas ventosas. S. Souto

05 may 2022 / 14:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.