Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 03 julio 2022
02:23
h

Esclarecen a orixe de catro incendios forestais en A Pobra, Lousame e Santiago

A Policía Autonómica e a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural esclareceron catro incendios na provincia da Coruña, dous deles acontecidos na Pobra do Caramiñal o 9 e o 15 de maio, un lume rexistrado o día 14 de maio en Santiago de Compostela e outro o día anterior no municipio de Lousame.

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da sede de Santiago de Compostela, en colaboración con persoal da UIFO, resolveron de forma coordinada e conxunta os lumes producidos nos catro casos. Cómpre lembrar que desde o pasado 29 de abril as queimas quedaron suspendidas por parte da Consellería do Medio Rural.

Por unha banda, o pasado 9 de maio, os axentes investigaron na localidade da Pobra do Caramiñal a unha persoa por queimar restos de plásticos agrícolas, o que provocou a propagación do lume aos terreos limítrofes, afectando a uns 1.000 metros cadrados de superficie rasa. Ademais, a Policía Autonómica e a UIFO esclareceron outro incendio rexistrado neste mesmo municipio o pasado sábado, 15 de maio, por mor dun raio e que afectou 4.800 metros cadrados de monte raso. De ambos incendios deuse conta ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Ribeira.

Por outra parte, o Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica tomou declaración a unha persoa como presunta responsable dunha queima de lixo no lugar de Verdía, en Santiago de Compostela, que se estendeu ao monte lindante e no que resultou afectada unha superficie de 4.500 metros cadrados de arborado. Do actuado entregáronse dilixencias no Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Santiago de Compostela.

Por último, no concello coruñés de Lousame, os axentes da Policía Autonómica e a UIFO investigaron un lume ocorrido o pasado día 13, debido á combustión espontánea dun vehículo a motor, que afectou a unha superficie rasa de 100 metros cadrados. Deste incendio deuse conta ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Noia.

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 24 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

19 may 2022 / 20:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.