Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 02 agosto 2021
21:51
h
Mobilidade. Nos vindeiros catro anos investiranse case dezanove millóns para conservar os viais da área de Santiago, Barbanza e Costa da Morte // O contrato incluirá sinalización, rozas periódicas, limpeza e melloras do firme TEXTO J. Ramos

Esforzo millonario para dispor dunha óptima rede de estradas

A Xunta de Galicia vén de licitar por 18,9 millóns de euros o contrato que garantirá a conservación ordinaria e a viabilidade invernal de 723 quilómetros de estradas autonómicas das comarcas da Coruña, Ferrol, Santiago e Bergantiños-Costa da Morte nos vindeiros catro anos, segundo confirmou este martes o delegado territorial na Coruña, Gonzalo Trenor, durante a súa visita ao centro de conservación de estradas autonómicas de Zas.

O contrato garantirá a conservación ordinaria e a vialidade invernal nas estradas de titularidade da Xunta da zona sur da provincia da Coruña, que abrangue os concellos de Trazo, Teo, Corcubión, Arzúa, Santiago de Compostela, Tordoia, Malpica de Bergantiños, Laxe, Ponteceso, Carnota, Fisterra, Camariñas, Padrón, Frades, Boqueixón, Boimorto, Sobrado, Mesía, Ordes, Vedra, Melide, O Pino, Touro, Santiso, Toques, Oroso, Zas, Muros, Outes, Rois, Muxía, Vimianzo, Noia, Porto do Son, Dodro, Rianxo, Lousame, Ribeira, Pobra do Caramiñal, A Baña, Brión, Cabana de Bergantiños, Val do Dubra, Coristanco, Negreira, Boiro, Santa Comba, Mazaricos, Carballo, Dumbría, Cee e Ames.

Explicou que o programa de conservación ordinaria permite unha vixilancia e control das estradas autonómicas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible. No marco destas actuacións, puxo como exemplo a reposición da sinalización ou das barreiras de seguridade, a limpeza e mantemento dos elementos de drenaxe das estradas ou o repintado da estrada e dos elementos que as conforman.

Engadiu que o contrato tamén inclúe os traballos de roza periódicos para o control da vexetación e garantir unha boa visibilidade, así como as melloras de firme ou reparacións de pontes, obras de paso ou noiros de menor entidade.

Sinalou que igualmente se blinda a atención das emerxencias que se poidan producir na rede de estradas da Xunta. Así, realízanse limpezas de aceites na calzada, retíranse animais mortos ou árbores caídas ou sinalízanse incidentes que condicionen o tráfico.

Trenor fixo fincapé no programa de vialidade invernal, que todos os anos se activa en novembro e se prolonga ata abril, dispoñendo os medios materiais e humanos para garantir as condicións de circulación ante os efectos da climatoloxía adversa. Puntualizou que o contrato permitirán subrogar ao persoal que viña desenvolvendo estas tarefas, garantindo un posto de traballo estable a estes operarios.

Tamén salientou a aposta polas novas tecnoloxías con innovacións na auscultación, que permiten comprobar o estado, a adherencia ou a regularidade superficial do firme.

As empresas interesadas en optar a esta licitación e a dos outros seis contratos cos que a Xunta garantirá a conservación ordinaria das estradas da súa titularidade nos vindeiros 4 anos, distribuídos en 7 áreas diferenciadas, terán de prazo para presentar as súas ofertas ata o vindeiro 21 de maio.

SENDAS. Unhas actuacións de conservación que se complementan con outros investimentos orientados a mellorar a seguridade de condutores, peóns e ciclistas, como o Plan de Sendas que está a punto de completarse na Costa da Morte. Nos primeiros días deste mes comezaron os traballos de construción da que unirá Carballo e Coristanco, a cal está previsto que quede rematada a finais de ano, segundo sinala a Consellería de Infraestruturas.

O investimento supera o millón de euros, e as obras, que se desenvolverán nas marxes da estrada autonómica AC-552, consisten na execución dun itinerario de uso compartido, para peóns e ciclistas non deportivos. Terá preto de 2,5 quilómetros de lonxitude e unirá a saída de Carballo co municipio veciño de Coristanco, dando continuidade ás beirarrúas ata o núcleo urbano desta última localidade.

Esta intervención completa o Plan de Sendas para a comarca de Bergantiños que, en total, suma 11 quilómetros distribuídos en sete itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe. O investimento foi de preto de cinco millóns de euros, cofinanciados con fondos Feder.

O protagonista
“Garántese a seguridade
e o emprego”
Image
Gonzalo Trenor
Delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, subliñou que a formalización deste contrato vai redundar na seguridade viaria dos usuarios e usuarias das estradas e tamén no mantemento do emprego a través da promoción da obra pública.

Por outra banda, dixo que o obxectivo da Administración galega é manter a rede viaria autonómica na zona sur da provincia nas mellores condicións para garantir a seguridade viaria e propiciar desprazamentos máis cómodos e seguros polas estradas nas que se actuará.

{ PASABA POR AQUÍ }
Á altura do século XXI
Manuel Lavandeira

Unha mobilidade segura, cómoda e eficiente é o mínimo que se pode esixir a estas alturas do século XXI. Para iso é preciso conservar e manter en óptimas condicións durante todo ano a rede de estradas, xa que non é concebible que, como sucedía en tempos pasados coa chegada do inverno, a conducción se converta nunha acción de risco. Hoxe en día é posible, salvo condicións extremas, garantir uns viais con todas as garantías para desprazarse de xeito seguro pola rede viaria galega. É certo que isto ten un custo elevado, pero trátase dun investimento moi necesario que, non só serve para facilitar a mobilidade, senón tamén para reducir a sinistralidade, xa que unhas estradas en óptimas condicións son moito máis seguras.

11 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.