Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ethel Vázquez e Ruiz asinan o plan de bonificacións para viaxes en bus

Poderán utilizar gratis ese transporte persoas en situación de risco ou emerxencia social

Ribeira. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, asinaron por vía telemática o convenio de colaboración para a implantación de bonificacións nas viaxes aos veciños usuarios dos servizos de autobús que se presten dentro deste municipio do Barbanza.

A iniciativa busca fomentar o uso do transporte público e unha mobilidade segura nos servizos que comunican as diferentes parroquias do concello entre si, establecendo distintos tipos de bonificacións para os veciños a través do uso da Tarxeta Metropolitana de Galicia (TMG) e a tarxeta Xente Nova da Xunta, e bonificacións sociais adicionais para diversos colectivos.

Os descontos aplicaranse nos servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral que comunican os principais focos de demanda de mobilidade do municipio. Así, os veciños usuarios das tarxetas TMG e Xente Nova terán acceso a descontos directos nos desprazamentos en autobús entre as parroquias de Ribeira. En concreto, poderán beneficiarse dun desconto de 0,50 euros na viaxe sobre a tarifa xeral, sendo o importe final que deberán abonar de 0,85 euros.

Ás bonificacións de uso xeral sumaranse outras sociais. Estes descontos van dirixidos, por un lado, aos colectivos de estudantes e pensionistas, e doutro, ás persoas en situación de risco ou emerxencia social do municipio. Neste último caso, as viaxes serán gratuítas. Para acceder a estas medidas os beneficiarios deberán dispoñer tamén da tarxeta TMG ou Xente Nova.

PENSIONISTAS. No caso dos pensionistas, a redución será de 0,15 euros e, no dos estudantes, de 0,25, polo que os prezos da viaxes quedan para estes colectivos en 0,70 e 0,60 euros, respectivamente.

A administración local asume o custo íntegro da bonificación xeral e das sociais, sendo o custo da utilización da TMG Xente Nova asumida polo Executivo autonómico.

Durante a vixencia deste convenio, de catro anos, ata 2024, o Concello realizará unha achega estimada en preto 427.000 euros. O acordo poderá ser prorrogado outros catros anos máis. s. souto

22 feb 2021 / 18:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.