Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Exitosa caravana feminista na Pobra

Con motivo do Día Internacional da Muller, o municipio pobrense foi escenario dunha caravana feminista na tarde do luns. O circuíto iniciouse ás 20.00 horas no Paseo dos Areos para continuar polas rúas Ponte, Gasset, Paz, Díaz de Rábago e Anxo Rey Ballesteros. Concluíu no aparcadoiro do recheo, onde se levou a cabo a lectura do manifesto e de diversos textos por parte de concelleiras da Corporación municipal. As persoas asistentes permaneceron no interior dos seus vehículos co obxectivo de respectar as medidas establecidas por mor da COVID. Contouse coa colaboración da Policía local e das persoas voluntarias da Protección Civil.

Así mesmo, xa na semana pasada botou a andar unha manifestación virtual mediante a colocación de pancartas e mandís nas xanelas e nos balcóns. Por outra banda, gran parte das actividades configuráronse para os centros do ensino, pois o lema escolleito para este ano foi A igualdade comeza pola educación, para incidir na importancia de ensinar a igualdade dende idades temperás.

Cómpre indicar que as accións focalizadas no ámbito educativo se atopan financiadas polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e polo Ministerio da Igualdade. Ademais, a administración local adheriuse á campaña OitoM, Moito por cambiar, da Deputación da Coruña.

Por outra banda, a produtora Vía Láctea Filmes estreará este venres 12 ás 19.30 horas en Ribeira, en formato autocine, a longametraxe María Solinha. Será no aparcadoiro do CIFP Coroso e contará coa presenza do director do filme, Ignacio Vilar, para presentalo. Trátase da lenda dunha muller icónica, condenada pola Inquisición.

09 mar 2021 / 13:22
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.