Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Feijóo garante o apoio da Xunta a Jealsa tras o incendio nas súas instalacións

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu este xoves o apoio da Xunta á conserveira Jealsa de Boiro tras o incendio o pasado sábado de parte das súas instalacións e destacou o labor desenvolvido polo operativo de extinción.

Logo de manter unha xuntanza cos responsables do grupo, para coñecer os plans da compañía de cara á recuperación da actividade, Feijóo quixo agradecer tamén o esforzo e compromiso das máis de 60 persoas que interviñeron na loita contra o incendio, entre servizos de bombeiros, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Protección Civil, Servizo de Prevención e defensa contra incendios, Garda Civil, Policía Local, Policía Autonómica, 061, Gardacostas e medios municipais, entre outros.

“Quero agradecer o traballo de todas as persoas que participaron na extinción de xeito coordinado”, abundou, recordando que o sábado foron mobilizados de inmediato os parques de bombeiros e demais medios de emerxencias ata que o lume quedou controlado ás 20.30, aínda que a extinción continuou ata a noite e os traballos de control seguiron pola mañá do domingo.

O presidente da Xunta quixo aproveitar a visita para destacar a fortaleza e a capacidade de Jealsa, un grupo con máis de 60 anos de historia que conta con marcas tan consolidadas como Rianxeira ou Escurís; cunha facturación de 703 millóns de euros e con 5.300 traballadores.

“Estamos a falar dunha empresa que se identifica co nome de Galicia”, dixo, referíndose ademais ao seu proxecto We Sea que opta a captar 100 millóns de euros dos Fondos Next Generation para desenvolver, entre outros, unha planta de biorrefinería mariña. Unha iniciativa que aproveitaría os descartes de alimentos e compoñentes, e tería capacidade para tratar 240.000 toneladas de residuos.

13 may 2021 / 13:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.