Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

González insta á firma Telefónica a mellorar a conexión dos outenses

Outes. Despois de que fai unhas semanas a compañía Telefónica anunciara que diversos núcleos do concello outense, entre os que atopaban a Serra de Outes, O Freixo e Cruceiro de Roo, contaban xa co servizo de fibra óptica, o certo é que varios veciños e empresarios dos citados lugares denuncian unha realidade ben distinta.

Ao respecto, o mandatario local, Manuel González, indica que “detectáronse problemas en varios núcleos que deben ser corrixidos para que a conexión funcione correctamente”. Por iso, dende o Concello puxéronse en contacto cos responsables da citada teleoperadora para solicitar a axilización das xestións “para que as conexións anunciadas sexan operativas no menor tempo posible, permitindo que a veciñanza poida ver mellorado o acceso a Internet e a súa velocidade”, dixo.

Do mesmo xeito, González aproveitou para instar a Telefónica a avanzar no despregamento da rede de altas prestacións para que todas as áreas de poboación do municipio poidan dispoñer dun servizo de calidade.

Por último, o rexedor fixo un chamamento á veciñanza para que permitan pasar o cableado polas súas propiedades para facilitar a instalación da fibra óptica. Asegura que este servizo “é esencial para que Outes sexa un lugar atractivo para vivir e traballar”, en particular no contexto actual onde o teletraballo ou o ensino a distancia están gañando relevancia. m. t.

17 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito