Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
presuposto. Fondos da Deputación por novecentos mil euros distribuiranse para que os concellos costeiros poidan contratar persoal e adquirir o material // Oscila a contía entre 6.768 € de Serra de Outes e 31.149 de Carballo TEXTO José M. Ramos

Guerra a morte de especialistas para limpar as praias da comarca

A Deputación da Coruña investirá este ano un total de 900.000 euros nos corenta e un municipios costeiros da provincia para financiar os servizos de limpeza de praias.

A concesión provisional destas axudas xa foi recollida no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A través das subvencións, o ente provincial busca apoiar aos concellos coruñeses no sostemento dos gastos de contratación do persoal que se encargará este verán da limpeza dos areais, así como a adquisición do material necesario, vestiario ou combustible dentro do período comprendido entre os meses de abril e outubro (incluídos).

A metade dos municipios beneficiarios destas axudas pertencen ao litoral costeiro da Área Metropolitana de Santiago, sendo Carballo o que recibirá a maior contía (31.149 euro), e Outes o que menos (6.768 €).

A lista complétana A Laracha (23.075 euros), Boiro (25.542 €), Cabana de Bergantiños (15.601 €), Camariñas (24.805 €), Carnota (29.280 €), Cee (21.791 €), Corcubión (7.869 €), Dumbría (18.136 €), Fisterra (26.165 €), Laxe (25.853 €), Malpica de Bergantiños (17.292 €), Muros (24.919 €), Muxía (21.753 €), Noia (20.109 €), Outes (6.768 €), Ponteceso (29.591 €), Porto do Son (29.591 €), Rianxo (22.116 €) e A Pobra do Caramiñal (23.361 €).

A relación de beneficiarios do resto da provincia da Coruña complétana o municipio da capital provincial, que recibirá unha axuda de 24.919 €, Ares (24.919 €), Arteixo (24.919 €), Bergondo (23.361 €), Cabanas (20.434 €), Cariño (15.882 €), Cedeira (10.775 €), Fene (9.789 €), Ferrol (31.149 €), Mañón (21.437 €), Miño (24,919 €), Mugardos (20.247 €), Narón (21.804 €), Neda (6.768 €), Oleiros (28.034 €), Ortigueira (29.134 €), Padernes (15.176 €), Pontedeume (20.247 €), Sada (23.984 €), Valdoviño (29.591 €).

Segundo explicou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, “o programa contribuirá, un ano máis, á mellora da imaxe das praias coruñesas de cara á tempada estival, e axudará tamén á creación de emprego durante os meses de verán”.

González Formoso destacou que A Coruña é a provincia española con máis quilómetros de costa e que as praias dos concellos costeiros son un dos principais atractivos turísticos. “Deste xeito, a Deputación apoia aos concellos da provincia para que os nosos areais estean en condicións óptimas para este verán”, sinalou.

Un servizo de limpeza que virá a complementar o atractivo que, de por si, teñen a maioría dos areais da provincia nos que, ao igual que en anos anteriores, ondeará a Bandeira Azul en moitos deles.

Nos últimos días vense de facer público tamén o estado sanitario das augas das praias que están sometidas a controis para determinar e garantir que sexan óptimas para o baño. A gran maioría do litoral de Área de Compostela superou con nota o proceso, polo que os bañistas que este verán opten por desfrutar das súas vacacións nesta franxa atlántica van ter garantidas unhas condicións inmellorables.

No caso de Malpica de Bergantiños, o Concello vén de informar que a Dirección Xeral de Saúde Pública certificou a “excelente” calidade das augas das praias de Area Maior e de Seiruga para a tempada de verán de 2021. É, aseguran dende o Concello, “a mellor cualificación posible dentro dos tres distintivos que outorga a Xunta de Galicia”, o cal, engaden, é de gran importancia para un municipio como o malpicán, xa que iso repercutirá “tamén no eido económico polo gran atractivo dos nosos areais de cara a chegada de visitantes”, sinalan.

Pola súa banda, Carballo é un dos poucos concellos que ten implantado un sistema de xestión ambiental co obxectivo de converter as súas praias nun referente de aproveitamento sostible. Tanto Razo, como Pedra do Sal, Arnados, Ría de Baldaio e Saíñas acadaron tamén este ano a cualificación de “excelente” para as súas augas de baño.

O municipio carballés é o único da Costa da Morte, e un dos poucos de Galicia, que conta con certificados ISO 14001 e o Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría (EMAS), que implican un gran compromiso medioambiental.

O protagonista
“Formaremos unha brigada de 5 persoas”
Lois García
Alcalde de Ponteceso

O alcalde de Ponteceso, Lois García, asegura que, á espera de que as axudas se convertan en definitivas, a intención do Concello é “contratar un mínimo de cinco persoas durante tres meses e a tempo completo”.

Sinala que, ao igual que xa sucedeu co Plan de Emprego Local (PEL), “o noso Concello quere volver a ser dos primeiros en contratar este persoal, e por iso xa temos todo preparado”.

A brigada pontecesana actuará en todas as praias do municipio e, dun xeito especial, nos tres areais que nos últimos anos obtiveron a Bandeira Azul.

{ Pasaba por aquí }
Aposta pola calidade
Manuel Lavandeira

UN LITORAL TURÍSTICO como o da provincia da Coruña ten que garantir a veciños e visitantes unhas praias en óptimas condicións en todos os sentidos. A limpeza é algo básico, e por iso é de agradecer a sensibilidade de administracións superiores, como a Deputación, neste eido, pois de non ser polo seu apoio económico moitos dos concellos non poderían facer fronte aos custos de manter o servizo durante todo o verán. Lonxe de ser un gasto, estas partidas deben contemplarse como un investimento, pois as praias, ao igual que outros espazos naturais e o patrimonio, son piares fundamentais para as economías desta franxa atlántica. O esforzo económico acabará véndose recompensado se a pandemia o permite e o tempo acompaña.

22 abr 2021 / 20:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.