Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Hostalaria.gal pide vixilancia para frear os roubos en Noia

O último tivo lugar na madrugada deste luns // Solicitou un encontro co delegado do Goberno

A asociación empresarial Hostalaria.gal volve demandar un incremento da vixilancia e da presenza de efectivos das forzas e corpos de seguridade na vila de Noia e na súa comarca para facer fronte á vaga de roubos que se vén producindo de xeito ininterrompido nos meses precedentes. O último suceso tivo lugar na madrugada deste luns 26 de decembro.

Despois dunha reunión celebrada o pasado xoves no consistorio noiés, o alcalde, Santiago Freire Abeijón, comprometeuse a poñer a disposición do sector todos os efectivos cos que conta o concello para aumentar a seguridade. Ademais, Hostalaria.gal vén de solicitar unha reunión co delegado do goberno, José Miñones, “para tratar esta situación de primeira man e de buscar un aumento da vixilancia, xa que a Policía Local e a Garda Civil repártense ao 50 % as funcións de control”, indicaron este luns dende a asociación empresarial.

Aseguran que os hostaleiros “cren insostible esta situación porque case a diario se producen roubos cos conseguintes estragos, que aínda son máis prexudiciais polo cuantiosos que resultan os arranxos posteriores”. Así, desde o sector consideran necesaria “a implicación de todas as administracións con competencias en materia de seguridade” para frear esta alarmante vaga de roubos e deter aos seus causantes.

doazón. Por outra banda, pese á complicada situación que viven, os hostaleiros da localidade noiesa responderon á chamada de auxilio lanzada por Cáritas, que nestas datas sinaladas está atendendo a máis dun cento de familias da vila.

Como resultado da colecta realizada entregáronse 1.050 euros para cubrir as necesidades urxentes das persoas máis vulnerables. Na entrega dos cartos participaron Daniel Martínez, hostaleiro; Juan Carlos Pérez, director de Cáritas, e Sergio Fernández, vicepresidente de Hostalaria.gal. Destacar que a asociación noiesa cumpriu 50 anos recentemente e conta con numerosos voluntarios.

26 dic 2022 / 20:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.