Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Imaxe única e un plan de sinalización para impulsar o Camiño de Muros-Noia

O salón de plenos de Brión acolleu a asemblea semestral da Asociación de Concellos na que se aprobaron as contas de 2021

O salón de plenos do Concello de Brión acolleu a asemblea da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, na que se aprobaron as contas de 2021 e se acordaron distintas actuacións a acometer nos vindeiros meses. Entre elas figuran o desenvolvemento dun plan de sinalización do itinerario e a realización de diversos traballos de mellora no seu trazado.

A presidenta da asociación, Teresa Villaverde, fixo fincapé na necesidade de “manter unha imaxe única para o Camiño e que todas as actuacións que se fagan non só sexan respectuosas co patrimonio, senón que manteñan tamén unha uniformidade para así lograr unha imaxe única para todo o trazado”. Unha uniformidade que se vai reforzar a través do plan de sinalización, que se acometerá durante os próximos meses grazas á colaboración do Xeodestino Muros-Noia.

Teresa Villaverde apostou por seguir facendo actuacións de promoción do Camiño a Santiago pola Ría da Estrela e anunciou a chegada de importantes grupos de peregrinos durante o verán, para o que será preciso coordinar esforzos entre todos os municipios presentes á hora de buscarlles acollida. Unha actividade de promoción á que se incorporará a marca Portus Apostoli, cuxo uso foi cedido á asociación por parte do pleno municipal de Noia. Villaverde agradeceulles a cesión da marca, que será empregada para a promoción turística e cultural do Camiño.

A presidenta da citada asociación tamén informou de que esta ruta xacobea é a día de hoxe o itinerario onde está máis implantado o sistema de autoselado para as credenciais do peregrinos.

Trátase dun sistema que permite ao camiñante selar a súa credencial nas parroquias polas que discorre o Camiño en calquera momento e sen necesidade de persoal, o que complementa a opción de facelo nos establecementos comerciais e de hostalería.

Finalmente, a asemblea tamén deu o visto bo a unha petición do Concello de Brión para desviar uns metros o trazado do Camiño ao seu paso polo lugar de Gundín, para así evitar unha zona perigosa onde os peregrinos tiñan que compartir a calzada con vehículos que pasan a gran velocidade por unha curva que ten escasa visibilidade.

No encontro participaron a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e Muros, Inés Monteagudo; os rexedores de Brión (Pablo Lago), Noia (Santiago Freire), Outes (Manuel González) e O Son (Luis Oujo); e os tenentes de alcalde de Ames, Manuel Lens, e de Rois, Manuel dos Santos.

24 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.