Lousame pon en marcha o Concilia para as vacacións de Semana Santa
Programan a iniciativa, dirixida a rapaces de tres a doce anos, cunha ducia de prazas

Lousame. Despois da publicación da última actualización das normas relacionadas co control da pandemia da COVID, o programa familiar Lousame Concilia volverá a desenvolverse durante a Semana Santa os días 29, 30 e 31 de marzo e o 5 de abril. Nesta nova edición contémplanse un total de doce prazas, das que quedan dúas dispoñibles para días soltos.
No pasado mes de decembro as familias realizaron a inscrición neste servizo que se activa durante os períodos de vacacións, polo que un total de dez rapaces teñen xa a súa praza asignada. Tendo en conta as restricións de aforo debido á situación sanitaria actual, esta vez poderían ampliarse dúas máis.
Así, os proxenitores interesados en que os seus pequenos asistan deben reservar a praza no día anterior a través do teléfono 616 345 812 en horario de 09.30 a 14.30 horas durante as xornadas do programa, e de 07.45 a 09.00 horas antes do luns 29, primeiro día do Lousame Concilia Semana Santa.
En total haberá dúas persoas monitoras responsables das actividades lúdicas, deportivas e culturais que se proporán aos nenos e nenas que participen na iniciativa.
“Este proxecto é mostra do compromiso do Executivo coas realidades das familias lousamiás. A nosa intención é facilitar a conciliación familiar e laboral”, sinalou a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo Filgueira. Este servizo de canguraxe está dirixido a rapaces de 3 a 12 anos. m. c.