Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A partir de 2020 o departamento de Cultura apostou polos recursos dixitais para chegar ao público // Crearon numerosos contidos gratuítos que foron difundidos a través da web, dos perfís en redes sociais e da app do Concello TEXTO Marta Torres

Lousame sobe a cabalo das novas tecnoloxías polo virus

Adaptarse ou morrer. Iso debeu pensar o Concello de Lousame ao longo do pasado ano, no que mantivo a súa actividade cultural cunha firme aposta polos recursos dixitais e polo uso das novas tecnoloxías da información. A concellaría de Cultura elaborou un informe sobre as actividades organizadas e executadas dende este departamento, que se adaptou ás circunstancias sociais derivadas da pandemia da covid para xerar contidos para o público familiar. Así, en 2020 creáronse numerosos recursos gratuítos que foron difundidos a través da web municipal, dos perfís en redes sociais e da app do Concello.

Dende estas canles difundíronse e promocionáronse eventos culturais dixitais, acceso a museos, concertos, sesións de ballet, conferencias e charlas, cursos formativos sobre diferentes temáticas, acceso a libros e audiolibros, xogos populares, actividades para nenos e nenas, creatividade, idiomas e vídeos editados polo Concello.

Asemade, no pasado exercicio adquiríronse novidades bibliográficas e melloráronse as coleccións da biblioteca municipal, realizáronse actividades de dinamización da lectura, e desenvolvéronse programas da Rede Cultural: maxia, lingua a escena, escena ao vivo, visións, teatro, alicerce e monicreques.

Durante o mes de agosto levouse a cabo o campamento para nenos e nenas lousamiás, Infantilandia, e dende ese mes ata outubro houbo sesións de autocine, espectáculos de teatro e concertos.

Pola súa banda, as asociacións culturais locais Son do Pote, Prudencio Romo e C.L.D. tamén recibiron subvencións durante este período para manter a súa actividade.

Co obxectivo de facilitar a situación do confinamento aos máis cativos, dende o departamento de Cultura puxeron en marcha un sistema para felicitarlles o aniversario dixitalmente. Así, todos aqueles nenos e nenas que estiveron de aniversario durante ese período recibiron tarxetas personalizadas e, incluso, vídeos de felicitación.

Tamén o Día das Letras Galegas do 2020 foi atípico e moi diferente aos celebrados nos últimos anos, pero dende a administración local quixeron manter o seu compromiso coa cultura, polo que deseñaron diferentes recursos sobre as figuras de Carvalho Calero e Cernadas. Por tanto, en redes sociais compartiron a biografía, obra e o epistolario de Carvalho Calero, e compuxeron unha unidade didáctica para que a rapazada puidese aprender máis sobre a súa figura dende unha perspectiva lúdica. Ademais fíxoselles chegar un libro dos Bolechas e proxectouse en redes un contacontos en directo.

Un novo modo de manter as iniciativas culturais que parece que chegou para quedarse por un tempo, pois este ano o Concello lousamiá celebrou algúns actos e festas previstas a través da canle dixital. Así, o pasado mes de febreiro, con motivo do Entroido e do Día da Muller, lanzou un novidoso certame que se desenvolveu de xeito on line.

De modo pasaxeiro ou non, os executivos municipais están a aproveitar as posibilidades que aportan as ferramentas dixitais, fundamentais en tempos pandémicos.

Unha aplicación móbil para manter informados aos veciños lousamiáns

Lousame. O Concello lousamiá puxo en marcha unha campaña en outubro para animar á veciñanza a sumarse ao servizo Lousame Informa, operativo desde 2018 e que xa conta con 600 persoas usuarias.

Trátase dunha aplicación móbil gratuíta destinada a manter informados ós veciños e veciñas do municipio. A través de notificacións emerxentes e instantáneas nos seus terminais móbiles, os cidadáns estarán informados de todas as actividades que se realicen no Concello. Ademais, a persoa usuaria pode decidir desde o seu móbil que tipo de informacións quere recibir e cales non, xa que cada nova vai vencellada a unha temática concreta: cultura, deportes, bandos, etcétera.

Esta aplicación móbil gratuíta está dispoñible tanto para Android como para IOS: Android no Google Play (Play Store), buscando a app como Lousame Informa; IOS na app Store buscando bandomovil.

As outras canles de contacto coa veciñanza son: Instagram(@somoslousame) que suma 875 seguidores; Twitter (@somoslousame) con 129; e Facebook (Concello de Lousame) con 4.941 seguidores.

Dende a administración local destacaron que a raíz da pandemia do covid e durante os días de confinamento e maiores restricións, apostaron por unha cultura on line. Gravaron actuacións de distintos grupos e difundiron as mesmas a través das canles en YouTube e de Facebook, o que fixo que o número de persoas alcanzado medrara exponencialmente. As iniciativas emitidas tiveron unha media de 700 reproducións. A de maior seguimento foi a actuación de Nadal do Son do Pote (2.070) seguida da lectura do manifesto do 25N (992), mentres que os videopoemas da soprano noiesa Esperanza Mara tiveron unha media de 800 reproducións. Aínda que o récord téñeno os vídeos de promoción turística; o do novo mirador da Muralla leva máis de 8.000 e un da ruta do Río Vilacoba superou as 30.000 visualizacións. m. t.

31 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.