Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lousame vén de mellorar os camiños en Ces, Escabia e tamén Cruído

Investiron nun total de tres proxectos máis de 50.000 € procedentes das arcas municipais

Lousame. O Concello de Lousame vén de investir 50.496 euros de fondos propios na realización de tres pequenos proxectos de mellora en Ces, Cruído e Escabia. Neste último lugar executouse a obra máis cuantiosa, a da curva no monte Revolta do Lobo, na que se investiron 30.464 €.

Ao respecto, a alcaldesa lousamiá, Teresa Villaverde Pais, explicou que “era unha actuación moi necesaria xa que se trataba dunha curva bastante perigosa para os peóns e que conseguimos eliminar con esta ampliación”. Os traballos incluíron o arranxo do pavimento nun tramo de 60 metros no que se ampliou o ancho en dous metros cun triplo tratamento asfáltico. Ademais, construíuse un muro de bloques de granito para contención de terras.

No caso da actuación na aldea de Ces, o Concello achegou 13.699 euros á reparación de dous treitos dun camiño interior: o primeiro de 115 metros de longo por 4,5 metros de ancho e, o segundo, de 60 metros de lonxitude e 4 de ancho. En ambos os dous casos empregáronse cinco centímetros de zahorra e quince de formigón.

Finalmente, tamén se investiron 6.331 euros no afirmado da vía do Lagar, en Cruído. “Trátase dun camiño que dá acceso ás novas vivendas que se construíron na zona e que tiñan unha parte aínda sen pavimentar”, sinalou a rexedora. As obras incluíron o afirmado deses 240 m de camiño con vinte centímetros de zahorra e posterior selado con cinco milímetros de area. Así mesmo, limpáronse as gabias e salvagabias. m. c.

21 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito