Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Mareas independentes/agrupadas

    A escasos meses dunha nova cita electoral en Noia, é normal que asomen os primeiros movementos dos partidos políticos que, en principio, concorrerán ás municipais do 28 de maio. Concorrencia na que coincidirán, salvo sorpresas, candidatos dos populares, nacionalistas, socialistas –a pesares de non identificarse co partido–, mareantes e independentes. En canto aos resultados e en base á experiencia acumulada, nada máis que dous posibles escenarios: ou ben o Partido Popular acada unha maioría suficiente para gobernar en solitario, cuestión que permitiría un goberno firme, sólido, capaz e sen atrancos –como creo que xa queda dabondo demostrado pola capacidade de traballo e xestión dos populares– ou afrontar esa mestura de partidos, repetida noutras institucións, de formacions que nada teñen que ver entre sí e que antes de gobernar á cidadanía deben poñer orde entre as súas propias diferenzas, máis alá da aspiración común de contar con concelleiros de seu.

    De xeito que, considerando que só hai un único inimigo a bater, é ata certo punto comprensible esa desaforada teima por un repentino afán fiscalizador das actuacións do grupo do alcalde, sexa polo civil ou polo criminal, dentro incluso da propia coalición. Tanto para significarse como os máis avantaxados na tarefa opositora como para descalificar con críticas (imaxinarias ou inventadas) ao inimigo común. Mesmo, por poñer un exemplo, esa insólita difamación por non anunciar a tempo un concerto que ninguén contratou para, vista a evidencia, reprochar que non se contratase. Ese é o nivel!

    Sobra dicir que é dereito lexítmo da oposición controlar e escrutar a acción política levada a cabo polo Goberno local, pero resulta curioso que esta tarefa de fiscalización, tan exhaustiva como desmelenada, céntrese só nunha das duas partes do Goberno de coalición e abrolle, con tanta dedicación como falta de verdade, a medida que a cita electoral se vai achegando.

    Semella que as promesas electorais e mesmo os enfrontamentos públicos doutrora –lémbrese a campaña de 2019– quedaron esquecidos no máis remoto pasado, quizais por ese fraternal espírito do recente Nadal que invade estas beatíficas almas, ben pola necesidade de todos de traballar por un obxectivo común: o de facerse co poder.

    Uns para tocar ceo por primeira vez, pois os cidadáns nunca lles outorgaron mais peso ca actual cativa representación, os outros para continualo no tempo (sexa con churras ou con merinas) co indisimulado beneficio que tería para eles non contar con ninguén capaz de aplicar á fronte da alcaldía un mínimo de sentido común.

    É neste punto onde se poden apreciar as diferenzas na actividade política noiesa. Mentras o equipo dos populares, con Santi Freire ao mando, dedícase a traballar, xestionar e conseguir fundamentais inversións para a nosa vila, outros destacan por desaproveitar todas as súas enerxías en montarse películas sobre fios de Twitter, coa indisimulada intención de escenificar espéctaculos que non deixan de ser froito dun talante inmaduro e covarde, incompatible cos principios que deben rexir na responsabilidade pública.

    Pois con estes bois ten que arar a cidadanía de Noia. Pero, como cantaba Zeca Afonso, “o povo é quem mais ordena”.

    16 ene 2023 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.