Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Medio cento de persoas participarán no lugar de Froxán nunha plantación

Actuarán en varias parcelas da zona coas que Montescola ten acordos de custodia

Lousame. A Fundación Montescola xuntará a medio cento de voluntarias e voluntarios de todas as idades para a súa xa tradicional acción de restauración ambiental de San Silvestre, que todos os anos se convoca nestas datas en colaboración coas Brigadas deseucaliptizadoras, e que desta vez se celebrará en Froxán (Lousame), o martes 27 de decembro.

Neste ano, plantaranse case un cento de árbores autóctonas (cereixeiras, castiñeiros, aveleiras e nogueiras) en varias parcelas do lugar de Froxán, coas que a fundación ten acordos de custodia do territorio e nas que xa leva anos traballando para eliminar especies exóticas invasoras.

Segundo sinalaron dende o colectivo impulsor, a plantación realízase coa colaboración do proxecto europeo Life Terra, que achegará 3.000 árbores á fundación para plantar nos próximos meses, así como coa Deputación da Coruña, “que permitiu un importante investimento en equipos de protección, maquinaria e ferramenta”.

Xa pola tarde, organizarase un obradoiro de formación sobre boas prácticas ambientais como parte do proxecto Erasmus+ Vemo-nos no monte! no que participa a Fundación Montescola xunto co Centro de Estudos Eurorexionais Galiza-Norte de Portugal, Á Escuta e Verdegaia.

“As persoas participantes veñen recibindo desde o verán pasado formación sobre técnicas de eliminación de EEI, seguridade e protección en traballos forestais, mecánica e mantemento de maquinaria forestal, gobernanza e conservación comunitaria, e recibirán un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas”, indicaron dende a fundación. m. c.

26 dic 2022 / 20:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.