Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 21 junio 2021
02:00
h
Alumnos do Instituto Poeta Añón recolleron mostras das praderías mariñas sitas en Testal para coñecer se a temperatura inflúe nos bivalvos // Agora van analizar todos os datos e exporán conclusións dentro do proxecto Climántica TEXTO M. Torres

Mozos de Outes dan exemplo na guerra contra o cambio climático

Corenta e cinco estudantes do IES Poeta Añón de Outes citáronse recentemente en Noia para formar parte do equipo de investigación dirixido polo Catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo, Emilio Fernández, e participar nun estudo sobre os impactos do cambio climático sobre a zostera de Testal e a súa influencia sobre os bivalvos. Unha actividade impulsada dende o programa Climántica.

Todos eles forman o grupo de escolares de referencia dos dous proxectos europeos que quedaron de primeiros de España nas dúas modalidades extraordinarias de innovación educativa Erasmus+ que convocou a UE a principios do curso, un titulado InnoEduCO2 e coordinado polo Concello de Outes (modalidade KA226 - Asociaciones para la Preparación para la Educación Digital), e o outro, EDUCINEMA ClimaTourAction, polo grupo de investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental donde se desenvolven as liñas de investigación de Climántica na Universidade de Santiago de Compostela (na modalidade KA227 - Asociaciones para la Creatividad).

Estas dúas iniciativas Erasmus+ incorporan a esta experiencia piloto inicial o proxecto de investigación científica da Universidade de Vigo Zosteco, que está financiado pola Fundación Biodiversidad a través dunha convocatoria de libre concurrencia competitiva.

O desenvolvemento da actividade de campo que se realizou en Testal comezou cunha explicación sobre o terreo acerca das praderías mariñas seguido dunha parte práctica. Os expertos faláronlle ao alumnado sobre as características das especies formadoras de praderías, da orixe evolutiva das especies, da estrutura de zostera, dos servizos que fornecen nestas áreas, da relación praderías-diversidade faunística-estabilidade, das ameazas ás que están sometidas (contaminación, alteración da costa, impactos mecánicos), da interacción praderías-marisqueo, do impacto humano e fragmentación de hábitat, e da relación de hábitat e a diversidade.

“Cada grupo tomou unha mostra de area nas zonas internas das manchas de pradería e nas zonas anexas sen vexetación, comparando unha serie de variables sedimentolóxicas que foron analizadas visualmente. Esta análise inclúe unha estimación da composición do sedimento, diferenciando entre bioclastos (restos de organismos con exoesqueletos duros) ou grans detríticos”, explicou Francisco Sóñora, director de Climántica.

A xornada que se levou a cabo en Noia asume que os estudantes poderán seguir traballando na análise de mostras e datos en semanas posteriores ao día en que se desenvolveu. Para iso, puxeron ao dispor de cada participante un caderno de investigación no que recolleron os datos obtidos e plasmaron os resultados derivados do tratamento de datos efectuado.

“Despois da mostraxe de campo analizáranse as mostras recollidas en Testal. Cada grupo procesará as oito recollidas. Inicialmente, separarán as plantas de zostera, contando o número de pés”, explicou ao respecto o profesor. Unha vez os estudantes dispoñan da totalidade dos datos, procederán á súa análise para responder ás preguntas expostas na investigación.

Finalmente, segundo indicou Sóñora, porán en común os resultados e farán unha presentación das conclusións na que os estudantes serán interpelados polo profesorado e as súas argumentacións serán gravadas e posteriormente procesadas. Asemade, tamén se lles fará unha enquisa coa que se pretende descubrir se a iniciativa foi efectiva na adquisición de coñecementos.

18 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.