Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Mulleres con discapacidade: un doble reto de superación

A asociación de persoas con discapacidade intelectual Amicos, de Ribeira, quixo conmemorar hoxe o Día Internacional da Muller dándolle voz ás usuarias da entidade que, ademais de atopar obstáculos por ser mulleres, tamén teñen unha discapacidade, o que lles supuxo un tropezo engadido no seu camiño. Catro delas contan en primeira persoa as súas historias de superación nun vídeo que será difundido hoxe nas redes sociais da entidade.

Durante estes días, Amicos foi avanzando algúns testemuños destas mulleres.

Mercedes, Susana, Aroa e Carolina son as protagonistas dun audiovisual no que comparten as súas vivencias e animan a máis mulleres a seguir loitando pola igualdade e a perseguir os seus soños.

Mercedes Carballo ten 40 anos, padece unha discapacidade auditiva e traballa como capataza na ecobrigada da asociación. “Os traballos forestais seguen considerándose traballos masculinos. As traballadoras cóntoas cos dedos dunha man“, sinala.

“Nunha ocasión tocoume traballar con dous homes que non querían acatar ningunha orde que viñera dunha muller”, explica. Tamén indica que sufriu algunha burla polas súas dificultades comunicativas. Ela considera un orgullo mirar atrás e ver que todo o posible se vai conseguindo pouco a pouco e que as mulleres contribúen a construír ese cambio.

Susana Varela ten tamén 40 anos e atopou en Amicos unha oportunidade laboral, xa que a súa discapacidade, de colitis ulcerosa, provocoulle moitos problemas de saúde e botaba moito tempo de baixa, polo que perdeu o seu anterior emprego.

Traballa como limpadora, un oficio que segue moi destinado ás mulleres: “Penso que as empresas seguen preferindo mulleres”, indica Susana.

Aroa Cruces ten 35 anos e traballa na citada ecobrigada.

Ten unha pequena discapacidade no nervio óptico. “Houbo unha vez unha brigada que, de primeiras, non acataba as miñas decisións”, comenta esta capataza, que engade que o pasou mal nun principio, non só polo feito de ser muller nun mundo de homes, senón tamén por ser nova. “Pouco a pouco demostrei o que eu valía, fíxenme respectar e acabamos sendo unha moi boa brigada”, dixo.

Ela sente que cada vez hai máis féminas no seu traballo, tanto peóns forestais como capatazas, técnicas e axentes de brigada: “Somos igualmente capaces de traballar cunha desbrozadora, unha motoserra ou un tractor”, di.

Carolina Castro, de 28 anos, ten unha discapacidade intelectual. Está estudando no centro integral de Amicos para traballar nun supermercado. É consciente de que no posto de repoñedores hai máis homes, mentres que no de caixa hai más mulleres. Ela envía os seus ánimos para seguir loitando por unha sociedade máis igual: “Mozas: a por todas, que valemos máis do que nos queren facer ver”, sinala. Con esta campaña, a entidade quere seguir loitando pola equidade, independentemente do xénero e dificultades de cada persoa.

08 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.