Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Nace xa saturado e con 716 empregos virtuais o futuro polígono industrial de Ribeira

Na consulta de demanda, que excede a superficie proxectada, reservaron espazo corenta e unha empresas // O executivo local traballa na licitación do recinto e na súa ampliación

Rematado o período de consulta pública realizada polo Concello de Ribeira para obter unha estimación real da demanda de espazo con motivo da próxima construción do novo polígono industrial no municipio, os datos obtidos superaron con moito as expectativas, ata o punto de esgotarse virtualmente a superficie planificada.

Así, un total de 41 empresas manifestaron interese en ocupar 156.000 metros cadrados nunha infraestrutura que contará con 156.807 para uso industrial, ademais de 1.150 para equipamentos, 577 para servizos urbanos, 35.620 para o sistema viario e 64.770 como espazos libres.

Ademais, crearíanse 716 postos de traballo de acordo cos datos trasladados polas empresas que manifestaron en dita consulta a intención de reservar chan industrial.

Á luz destes resultados, o Concello ribeirense xa se puxo a traballar no desenvolvemento dunha segunda fase que permita dotar de máis metros cadrados ao tecido industrial no municipio.

Cómpre lembrar que o futuro polígono de Ribeira estará situado na contorna de Fontenla e Pedras Vermellas, na parroquia de Palmeira.

O Concello ten consignada unha partida de 150.000 euros para a redacción do proxecto urbanístico do recinto.

O prazo que manexa o executivo local para a licitación das obras é o último trimestre de 2021. Prevese que o prezo de venda das parcelas, segundo o proxecto, será de 50 euros por metro cadrado.

Entre os días 22 de febreiro e 22 de marzo a administración local abriu un período de consulta ao mercado no que se emprazou aos interesados a cubrir un formulario indicando unha serie de datos, tales como o nome da empresa ou entidade peticionaria, razón social, sector ao que pertence, número de postos de traballo previstos, metros cadrados de ocupación demandados e datos de contacto, así como a modalidade preferida de ocupación.

DEMANDA HISTÓRICA. Os empresarios ribeirenses levaban anos demandando a creación dun novo recinto industrial para a localidade, dado que o actual, ubicado en Xarás, está xa saturado.

comarcas@elcorreogallego.es

27 mar 2021 / 12:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.