Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Non lle convenceu á oposición ribeirense o estudo comparativo dos trazados alternativos da variante

RIBEIRA. Tres dos partidos da oposición de Ribeira (BNG, PBBI e Suma Ribeira) denuncian o incumprimento do acordo plenario para facer un estudo comparativo das alternativas de trazado para a variante. Un informe que o Concello encargou á empresa Iceacsa e que conclúe que a opción da Xunta é mellor que a que propuxo a plataforma de afectados.

Así, o BNG lamenta que o alcalde “incrumpra de maneira flagrante o acordo plenario adoptado por maioría absoluta e cos únicos votos en contra do PP, porque non se fixo ningún estudo da posibilidade proposta por nós, tal e como dicía o acordo, para valorar cando menos o impacto ambiental, o impacto social, as incidencias no tráfico e as posibilidades de desenvolvemento futuro de Ribeira respecto ó proxecto da Xunta, ó que gañou o premio Ovisa en 2018 e ó de mellora da estrada CP-7301 entre Xarás e Frións”. Os nacionalistas anuncian que “trasladaremos este atropelo ao Parlamento galego e esixiremos cumprir o acordo”.

Pola súa banda, Suma Ribeira dixo que “nós non estamos por ningunha das dúas alternativas analizadas” e que “non está suficientemente xusticado o custe/beneficio de ningunha delas”. Denuncia que “non se nos presentou un estudo serio sobre os cálculos da redución do tráfico prevista no centro da cidade” e indica que “tamén botamos en falla que unha obra nova non se presente cun estudo completo da pegada ambiental que vai xerar a curto prazo (incluíndo enerxía fósil gastada na obra)”. Engade que tampouco se tivo en conta o impacto da contaminación acústica e atmosférica e que “neste aspecto é maior o impacto da variante da Xunta.

O PBBI dixo que “non cuestionamos á firma que fixo o estudo, pero non sabemos con quen se asesorou o alcalde para invitar a tres empresas ó concurso, e non era o que pedíamos: un estudo de expertos independentes”. O PSOE agardará a revisar o informe. S. Souto

13 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.