Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Novo paso cara a renovación integral do alumeado público para o municipio de Carnota

O presidente provincial e Saborido asinaron un convenio para financiar a segunda fase // O orzamento ascende a 371.000 €

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde Carnota, Juan Manuel Saborido, e a edil Merche Noceda asinaron este venres o convenio para o financiamento da segunda fase das obras do Plan de renovación integral do alumeado público municipio.

Trátase dun ambicioso proxecto para renovar por completo estas instalacións e mellorar a eficiencia enerxética do concello cun investimento global de 1,3 millóns de euros. A iniciativa tamén conta co apoio económico do IDAE, con fondos Feder, no marco dos proxectos singulares para entidades locais que favorezan o paso cara unha economía baixa en carbono.

As obras, nesta segunda fase, contemplan un investimento de 371.000 euros, dos que a Deputación achega 59.352 €, unha aportación económica que se suma a outros 60.000 da primeira fase.

Formoso asegura que este proxecto permitirá a Carnota aforrar miles de euros anuais da factura eléctrica e puxo en valor este tipo de iniciativas dos municipios da provincia que promoven a sustentabilidade e que contan tamén co apoio técnico da Fundación Axencia Enerxética Provincial (Faepac), dependente da Deputación.

O proxecto permitirá renovar 2.336 antigas luminarias (568 nesta fase), a maioría delas de vapor de sodio, e substituílas por tecnoloxía LED, que melloran a eficiencia e potencia lumínica e reducen notablemente o consumo, e a emisión de gases á atmosfera. Melloraranse tamén 51 cadros (9 nesta fase) de luz e os postes e instalacións eléctricas que se atopen en malas condicións, mellorando tamén a súa seguridade.

O alcalde Juan Manuel Saborido lembrou que renovar o sistema actual de alumeado público, que data de hai máis de tres décadas, aforrará ao Concello de Carnota ata un sesenta por cento da factura eléctrica, que neste momento ascende a arredor de 150.000 euros anuais, e que segue incrementándose coa alza dos prezos da luz.

“O proxecto axudará ademais a rebaixar as emisións de CO2, ao tempo que se mellora a calidade do alumeado e as luminarias danadas, especialmente na zona rural e litoral do municipio”, subliñou o rexedor de Carnota.

Pola súa banda, a concelleira Merche Noceda destacou que continuarán traballando nesta dirección “para cumprir coa Axenda 2030”, así como “o aforro que esta iniciativa suporá ás arcas do Concello”. “Estamos apostando polo rural, pois as primeiras fases céntranse no rural e interior do municipio”, dixo.

11 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.