Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Novos pasos para afianzar o Camiño da Ría da Estrela

O colectivo impulsor da ruta reuniuse co deán do Cabildo // Abordaron as credenciais dixitais

O secretario técnico da Asociación de Concellos da Ría de Muros Noia, Sebastián Valverde, e o párroco de Muros, Daniel Pérez, mantiveron este martes unha xuntanza de traballo co deán do Cabildo Catedralicio e responsable da Oficina de Atención ao Peregrino, Segundo Pérez, co obxectivo de avanzar en cuestións técnicas de operatividade xurdidas a raíz da oficialidade do Camiño a Santiago que parte da Ría da Estrela o pasado 15 de decembro.

Un dos temas que centrou o encontro foi o das peregrinacións náuticas. Segundo sinalaron dende a citado colectivo, a Igrexa está a favor de que a Asociación de Concellos da Ría de Muros Noia patrocine e promocione este itinerario por mar, sempre co requisito de cubrir a extensión de cen millas náuticas e, a continuación, se deberá percorrer unha distancia a pé entre Bertamiráns (Ames) ata Compostela. Este último recorrido terá un punto de inicio que se delimitará proximamente dentro do propio trazado do Camiño.

Outra das cuestións que abordaron foi o selado das credenciais ó longo do itinerario. A este respecto, avanzaron dende a asociación, vaise pór en marcha un sistema de autoselado nas parroquias polas que pasa o traxecto, para que o peregrino poda rexistrar o inicio e o final de cada etapa. Asemade, independentemente os camiñantes “tamén poderán selar as súas credenciais nos establecementos comerciais e de hostalería. Tan só é preciso que os selos dos establecementos inclúan a dirección”.

Por outra banda, o deán do Cabildo Catedralicio informoulles a Sebastián Valverde e Daniel Pérez sobre a implantación das credenciais en formato dixital, accesibles mediante unha aplicación móbil na que se van almacenando sucesivos códigos QR, en substitución do selado tradicional. Este sistema xa está implantado nos diferentes camiños xacobeos, constituíndo unha opción alternativa para os peregrinos que o desexen empregar. Así mesmo, Segundo Pérez comprometeuse a incorporar aos concellos de Muros e Porto do Son como puntos de partida oficiais da ruta nesta nova ferramenta dixital e tamén na próxima reimpresión de credenciais en papel.

Por último, dende a Asociación de Concellos da Ría de Muros Noia manifestouse a colaboración total coa Igrexa para desenvolver e potenciar os valores relixiosos e espirituais desta peregrinaxe a Compostela para afondar no potencial evanxelizador do Camiño de Santiago.

ruta Cómpre lembrar que o itinerario recentemente oficializado discorre por: Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago. O trazado xa está perfectamente transitable e o seu track pódese descargar na páxina web www.riademurosnoia.com.

28 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.