Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 08 diciembre 2022
02:41
h

O Coliseo acollerá un foro-debate de Deloa

Terá lugar o vindeiro sábado e contará con espazos de reflexión, música e máis artes

O Coliseo Noela de Noia acollerá este sábado, 26 de novembro, o Foro Empuxe, un proceso de participación cidadá organizado pola Asociación Deloa. Este foro enmárcase dentro do proceso de elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local 2023/2027 e pretende ser un proceso de participación aberto, na que se terá en conta a opinión de todos e todas as cidadáns e entidades do territorio de Deloa.

Foro Empuxe está concibido como un espazo de debate e reflexión, no que terán cabida ademais a música e outras actividades artísticas. Dará comezo ás 10.30 horas coa recepción dos participantes, e rematará ás 17.00 horas coa actuación do grupo municipal de danza Anduriña, do Concello de Porto do Son.

Ao longo da xornada, programáronse tres mesas-faladoiro. A primeira delas, na que se debaterá sobre economía e sociedade, dará comezo ás 11.15 horas. Na mesma, participarán Ana Olveira, presidenta da Unión de Cooperativas EspazoCoop.; Inés Monteagudo, alcaldesa de Muros; Francisco Dosil, empresario; e Mario Vidal, membro da Asociación Arrecó e técnico de Mocidade do Concello de Ribeira.

A segunda mesa-faladoiro comezará ás 13.00 horas. Tratará sobre turismo e territorio. Participarán na mesma Eva Castro, directora de proxectos e operacións en ALINEA ODS e vicepresidenta da Rede Internacional de Promotores dos ODS España; Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña; e Carlos Rodríguez, axente de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Outes.

A partir das 16.00 horas terá lugar a mesa-faladoiro que versará sobre cultura e dixitalización. Actuarán como relatores a artista multidisciplinar Macarena Montesinos, que estará acompañada de Clara Cea, Desing Lead en XOIA; Patricia Hermida, responsable da empresa Dotbeat; e Antonio Sartal, docente da Universidade de Vigo.

O foro, que estará moderado polos xornalistas Marga Pazos e Quique Morales, será inaugurado polo grupo A Subela, da Sociedade Liceo de Noia, mentres que o grupo municipal de danza Anduriña será o que o clausure.

Ademais, ao longo de toda a xornada, Paola Magali, artista urbana, e Noelia A Ferreira, escultora, plasmarán en directo e coa súa arte todo o que aconteza no foro.

A asistencia é totalmente gratuíta e está aberta ao público en xeral, previa inscrición no seguinte enlace: https://www.deloa.es/es/foro-empuxe/. Asemade, a cidadanía pode participar na elaboración desta estratexia cumprimentando a enquisa que se atopa a disposición dos interesados en deloa.es.

23 nov 2022 / 20:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.