Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O conto que nunca remata: Noia, farta de soportar o lixo, loita por mellorar os ecosistemas mariños

Trenor visitou a zona na que se están levando a cabo limpezas que benefician tanto ao sector marisqueiro como á cidadanía

O lixo que se acumula no fondo do mar é unha importante ameaza para os bancos marisqueiros. Por ese motivo, a confraría San Bartolomé puxo en marcha o proxecto Econoia, que conta cun orzamento total de máis de 200.000 euros repartidos en dúas anualidades, máis de 45.000 euros para 2020 e preto de 160.000 euros para 2021.

No marco do citado proxecto, onte os mariscadores executaron actuacións de recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no esteiro do Tambre na ría de Muros e Noia. Ata alí se desprazaron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o alcalde, Santiago Freire.

A finalidade deste plan non é outra que conseguir unha xestión responsable e sostible dos recursos e dos hábitats costeiros nos que desenvolve a súa actividade esta confraría para mellorar a calidade de vida dos profesionais mediante a limpeza dos residuos sólidos das zonas de produción, e o fomento dos valores sobre a redución e correcta xestión dos residuos.

As accións que levan a cabo, das cales se encargan 171 profesionais da agrupación sectorial de marisqueo a pé do pósito, benefician ao conxunto dos extractores que traballan na zona de autorización e á cidadanía en xeral.

O delegado da Xunta recalcou que os tres obxectivos máis importantes deste traballo son a limpeza do lixo mariño cun inventario do tipo de residuos e peso, clasificación e correcto depósito nun xestor autorizado; o labor de divulgación, formación e concienciación, e o resultado final da iniciativa que se difundirá na web da entidade e nas redes sociais.

No ámbito da divulgación a proposta recolle actividades formativas relacionadas coa concienciación ambiental do sector e a promoción das boas prácticas de manexo de residuos a bordo ou en terra, que axuden á redución das cantidades de lixo no mar e nas costas. Ademais, elaboraranse materiais educativos e de difusión sobre a problemática da contaminación mariña incluíndo exposicións do traballo feito dirixidas ás comunidades costeiras.

Trenor lembrou que este ano houbo unha nova convocatoria para levar a cabo accións deste tipo cun orzamento de case un millón de euros. O prazo de presentación de solicitudes rematou o 4 de marzo cun total de nove proxectos presentados.

27 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.