Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Festimaxia regresa á vila lousamiá con catro funcións

Comezará este sábado coa actuación do Mago Teto // Tamén haberá dous obradoiros e unha exposición na casa da cultura

A concelleira de Cultura de Lousame, Silvia Agrafojo, e os técnicos de Cultura lousamiás, Eduardo Agraso e Teresa Baluja, presentaron este mércores a sétima edición do Festimaxia Lousame 2022, que terá lugar na casa da cultura lousamiá durante este mes de novembro.

Silvia Agrafojo felicitou aos técnicos do departamento de Cultura por “unha programación moi interesante e variada, con magos de renome que farán desfrutar ás familias de Lousame”. Todas as actuacións serán de acceso gratuíto, a partir das 18.00 horas, e previa reserva de entrada en bandoticket.com.

Sobre o escenario lousamiá actuarán dous magos galegos, Teto e Vituco, e outros dous de fóra da comunidade, Patri Zenner e Víctor Cerro. “Buscamos unha diversidade para atopar espectáculos de maxia moi diferentes entre si pero dirixidos a un público familiar. Así, o Mago Teto, que case é o mago residente do Festimaxia de Lousame, porá en escena unha maxia moi teatralizada, mentres que Víctor Cerro fará un exercicio de mentalismo, Patri Zenner vinculará a súa actuación á natureza e o Mago Vituco presentará un espectáculo
de animación e participación do público”, explicou Agraso.

O Mago Teto será o encargado de poñer en marcha o festival este sábado 12 de novembro con O afiador, un espectáculo que xira en torno a unha roda de afiar dos anos 30 herdada polo mago dos seus devanceiros. Para os efectos de maxia desta función empréganse elementos típicos dos afiadores como poden ser coitelos, tesoiras, navallas e paraugas.

O propio Mago Teto impartirá o primeiro dos dous obradoiros do Festimaxia. Un taller de iniciación ao mundo do ilusionismo dirixido a nenos e nenas de máis de 8 anos e que terá lugar o venres 18 de novembro, ás 18.00 horas, na casa da cultura. Uns obradoiros que tiveron moi boa acollida na pasada edición e que este ano complementaranse cun taller de igualdade e a proxección do vídeo Cultura para todos da Deputación da Coruña. Así mesmo, a sala de exposicións da casa da cultura acollerá durante o mes de novembro unha mostra de carteis antigos de maxia, composto por sesenta carteis de antigos espectáculos achegados polo Mago Teto.

En canto ao resto das actuacións, o 19 de novembro, tomará o relevo o mago Víctor Cerro; ao día seguinte será a quenda da maga Patri Zenner; mentres que o Mago Vituco pechará a programación o día 27. Máis información na web municipal (concellodelousame.gal).

09 nov 2022 / 20:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.