Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco gaña o premio Laudamuco de textos teatrais de Brión

O ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco (nado en Palmeira en 1957) é o gañador da terceira edición do premio Laudamuco de textos teatrais convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor concorreu ao certame coa obra A vinganza de Fortimbrás, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.

A concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral Gómez, destaca que “a pesar da situación excepcional por mor da pandemia da COVID, dende o Concello mantemos o noso compromiso coa cultura e vimos de fallar a terceira edición do premio Laudamuco, que recaeu no escritor e etnógrafo coruñés Francisco Antonio Vidal Blanco”. O acto de entrega está previsto para o domingo 16 de maio en Brión, momento no que Francisco Antonio Vidal Blanco sucederá no palmarés de dito certame a Raúl Dans e Xavier Lama López, gañadores das edicións anteriores.

O xurado estivo formado por Pilar López Pérez, Xoana Balado Fernández, Gonzalo Rodríguez Calvo, Xulio Lago Alonso e Manuel Guede Oliva, persoas vencelladas á Academia Galega de Teatro e que escolleron por unanimidade o texto titulado A vinganza de Fortimbrás entre os 47 presentados ao certame. O xurado destacou “o evidente interese que este premio concita, maila os seus poucos anos de vida, a teor do elevado número de textos presentados. É de supoñer que Roberto Vidal Bolaño estaría compracido”.

Segundo a acta do xurado, a obra gañadora é “unha precuela que vén a dialogar co mito hamletiano e no que o autor rearma a historia shakesperiana, como antes fixera Álvaro Cunqueiro, propoñendo unha relectura na que os personaxes secundarios do drama orixinal pasan aquí a se converter en protagónicos, nun xiro de guión sorprendente e enriquecedor e no que é fácil percibir o amplo coñecemento por parte do autor ou autora da estrutura interna da obra de Shakespeare e no que Elsinor comparece como un espazo para abrigar novas hipóteses e traelas, de novo, a nós”.

O xurado destaca “o uso da lingua, eficaz e diáfana, a axilidade dos diálogos, sempre en progresión, e unha sabia construción da andamiaxe teatral na que se adiviña o pulso de alguén que coñece os interiores da escrita dramática. Vinganza, sexo e poder son tres das forzas principais que están presentes na acción e que mobilizan unha inquietante galería de personaxes, presentes uns, ausentes moitos outros, mais posuidores todos eles dun alto interese dramático; definitivamente, interesantes modelos nos que habitan as luces e as sombras dos comportamentos humanos”.

A situación de pandemia sanitaria alterou o normal desenvolvemento do protocolo de apertura da plica correspondente ao nome do autor ou autora do texto premiado. Un acto que debería terse celebrado o propio 8 de abril, data da reunión telemática do xurado, e que finalmente tivo lugar este luns na casa da cultura de Brión. Un acto no que participaron, ademais de Sandy Cebral, Manuel Guede Oliva, en representación do xurado, e Alberto Álvarez Escudero, xestor cultural do Concello.

Francisco Antonio Vidal Blanco é escritor e etnógrafo. Desde 1977 colabora con distintos medios xornalísticos con artigos de temática variada, desde a etnografía ata a ciencia: A Nosa Terra (1980-2003), EL CORREO GALLEGO (1999 a 2000) ou El Periódico de Arteixo (2003). Ten publicado nove novelas na editorial Toxosoutos, catro ensaios (tres deles sobre a figura de Manuel Murguía) e unha peza teatral infantil-xuvenil, A serea (2006, Fervenza).

O Laudamuco será o seu primeiro premio literario en materia teatral, se ben ten recibido outros galardóns pola súa obra de narrativa, entre os que figuran o Premio de Narrativa do Concello de Vilalba de 1992 e 1997, o Premio Terra de Melide de 2005, o premio de Narración de Aventura Avilés de Taramancos de Noia en 2003 ou o Premio Sereo 2017 da Asociación Cultural Barbantia, á súa traxectoria cultural, entre outros.

12 abr 2021 / 14:55
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.