Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Son a un paso da tramitación do polígono industrial

A Xunta propón aproveitar as posibilidades que ofrece a nova Lei de áreas empresariais

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, reuiniuse esta semana co alcalde de Porto do Son, Luis Oujo Pouso, e a concelleira de Facenda, María Maneiro Quintáns, para falar sobre o futuro polígono industrial do municipio e da forma máis axeitada de abordar a súa tramitación, aproveitando as posibilidades que ofrece a nova Lei de áreas empresariais de Galicia, aprobada en outubro e que entrará en vigor o próximo 10 de novembro.

Durante a xuntanza, na que participaron tamén técnicos de ambos organismos, o rexedor presentou o avance do estudo de viabilidade do referido parque, que prevé desenvolver un ámbito de 90.000 metros cadrados e no que o propio Concello actuará como promotor.

Ao respecto, Heriberto García propuxo realizar a tramitación do polígono industrial a través dun Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE), figura creada na nova lei “co fin de garantir a axilización dos trámites da documentación e flexibilizar a súa aplicación, xa que este plan define as liñas básicas do parque e facilita a adaptación dos viarios e parcelas ás necesidades existentes no momento do seu desenvolvemento, permitindo incluso pequenos reaxustes no ámbito do polígono empresarial”, explicaron dende a Xunta de Galicia.

Con esta reunión péchanse os traballos previos ao inicio da tramitación urbanística do parque de Porto do Son, inseridos no marco do acordo entre o Concello e o IGVS e en virtude do cal o organismo autonómico asesoraría tecnicamente ao goberno local no desenvolvemento da futura área empresarial.

Ademais, persoal do IGVS seguirá colaborando na tramitación do referido plan estruturante, que deberá presentar o Concello.

Cómpre lembrar que o polígono industrial levantarase no lugar de Cans, na parroquia de Nebra. Xa hai empresas interesadas en asentarse nel, o que favorecería a creación de emprego e sería un impulso económico para o municipio sonense.

03 nov 2022 / 20:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.