Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Son potencia o turismo sostible coa creación de novidosas experiencias

Propoñerán rutas que se plasmarán nun mapa-folleto // Este proxecto baséase na colaboración directa cos empresarios

O Concello de Porto do Son está a reformular a súa estratexia de promoción turística para ofrecerlle ao visitante novas experiencias coas que dar a coñecer a súa riqueza natural, patrimonial, deportiva ou gastronómica e nas que vivir ao cento por cento os case 95 km2 dun espazo único considerado un dos territorios humanizados máis antigos da comunidade galega.

O resultado deste proxecto, impulsado pola concellería de Turismo, será a creación de varias rutas a través das que se potenciará un turismo sostible e de calidade, tendo en conta a situación sanitaria actual e a nova normalidade marcada pola COVID.

Segundo avanzaron fontes municipais, ata finais do mes de maio executarase un plan de traballo exhaustivo para analizar todos os recursos vinculados ao patrimonio natural, gastronómico, cultural ou deportivo, tanxible e intanxible, do municipio que presenten maiores potencialidades para complementar o deseño destas experiencias diferenciadoras. Farase especial fincapé naqueles que conten con figuras de protección.

Ademais, unha liña estratéxica deste proxecto baséase na colaboración directa cos empresarios locais vinculados ao sector para ofrecerlles a posibilidade de participar e promover os seus negocios, pero tamén para convertelos nos primeiros embaixadores do municipio “xa que, en moitas ocasións, eles e elas son os primeiros anfitrións para visitantes e turistas”, indicaron.

Debido á pandemia, o contacto con eles estase facendo vía correo electrónico e, deste xeito, xa se lles enviou un cuestionario (https://forms.gle/14eiDtEgQyQEQYfa6) para coñecer a súa opinión sobre cuestións estratéxicas. Poderán remitilo desde esta semana ata o vindeiro 4 de abril.

Dende o goberno local explicaron que as novas rutas experiencias sonenses plasmaranse nun mapa-folleto en galego e en castelán, formato papel e pdf, para repartir nas oficinas de turismo local e outros puntos de interese. Tamén sinalaron que esta mesma información, ampliada, servirá para nutrir a páxina web institucional para convertela nun terceiro punto informativo 2.0 que consultar en calquera momento, e día da semana, a través de calquera dispositivo móbil.

Cómpre resaltar que o Concello de Porto do Son é un dos territorios da comarca do Barbanza con maior potencial turístico. Tanto é así, que a oficina de información do Castro de Baroña (o concello conta con dúas) é unha das máis visitadas da provincia da Coruña e este antigo asentamento celta, que é un reclamo ao longo de todo o ano.

Segundo datos municipais, nun verán tan atípico como o de 2020, este punto informativo de Baroña contabilizou cifras similares ás de 2019 a pesar da baixada de visitantes estranxeiros, e de que a oficina non estivo aberta na primeira quincena de xullo. Así, o pasado ano o 64,2 % das persoas que se achegaron ata alí procedían doutras comunidades, o 32,3 % eran galegos e o 3,4 % estranxeiros.

En xeral, na tempada alta de verán, os dous núcleos principais do concello, O Son e Portosín, triplican a súa poboación. A particular fisionomía desta localidade, con case 30 km de franxa costeira, ofrece infinitas posibilidades. Os seus atractivos fan deste municipio “un lugar para visitar e para admirar” como reza o eslogan municipal.

25 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.