Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Obradoiros para achegar a ciencia ó alumnado boirense

Os IES A Cachada e Espiñeira organizan no Pazo de Goiáns unha xornada con actividades

Alumnado boirense celebrará o Día da Ciencia este martes nun evento que terá lugar no Pazo de Goiáns (Boiro), onde se exhibirá un amplo catálogo de actividades científicas e tecnolóxicas propostas dende o instituto A Cachada e o IES Espiñeira. A xornada celebrarase de 9.00 a 14.00 e de 16.30 a 18.00 horas.

Os obradoiros abordarán múltiples temas, como a enerxía (de onde vén, como ista non vai durar sempre, o seu aforro e a inexistencia dun planeta B), CMIT (deseño acústico, bombillómetro, impresora 3D ou sistema contra incendios), a química na arte, as árbores do Pazo, os xogos matemáticos ou o tempo nos reloxos, entre outros.

A maiores, o programa inclúe unha charla sobre a restauración da Torre do Pazo de Goiáns, feita baixo criterios de bioconstrución, que correrá a cargo do arquitecto municipal de Boiro, Emilio Piña. O horario das charlas será ás 11.00 e 13.00 horas.

Tamén se lembrará a dimensión intelectual do matemático Pitágoras a través dunha composición literaria (ás 10.00 e 12.00 horas) e haberá unha conferencia da enxeñeira da empresa do grupo JJ Chicolino, Victoria León, que disertará sobre como usan a tecnoloxía máis avanzada en rotomoldeo na fabricación de pezas a medida. Será ás 17.30 horas.

teatro. Por outra banda, o Concello de Boiro celebra durante esta semana unha nova edición da mostra de teatro escolar. A cita, na que participa o alumnado dos centros de Primaria e Secundaria do municipio, deu comezo o pasado xoves coa representación de Nube, nube, sol.

Participa na mostra o alumnado, a partir dos catro anos, de todos os centros de Primaria do municipio, así como tamén o alumnado de 1º da ESO dos tres centros de Secundaria. “Este ano ampliamos a Mostra de Teatro Escolar para poder chegar tamén ao alumnado de secundaria”, afirmou a edil de Educación, María Outeiral.

Esta semana vanse representar as obras Onde viven os monstros e Hugo, ser diferentes fainos grandes, de Os Náufragos Teatro; O xardín de Vila Gris, de FMEC Producións; e Cubo, de Elefante Elegante.

O obxectivo desta iniciativa non é outra que achegar o teatro ás novas xeracións, promovendo hábitos e valores que favorecen o desenvolvemento persoal e social.

14 nov 2022 / 20:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.