Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Oficios do mar, muller e Camiño centran unhas xornadas que albergará a Fábrica de Sel a vindeira fin de semana

Na programación inclúense charlas, debates, mostras, obradoiros e música, así como visitas teatralizadas

Muros. O centro de interpretación da Fábrica de Sel de Muros acollerá a próxima fin de semana o I Encontro A muller, os oficios do mar e a súa repercusión no Camiño. Esta iniciativa enmárcase dentro dun proxecto impulsado polo Concello muradá co que se pretende a promoción e posta en valor da vida das mulleres do mar a través do coñecemento dos seus oficios, estudando tamén a súa repercusión no Camiño a Compostela, tanto no acollemento aos peregrinos que chegaban por mar, como na distribución e comercialización dos produtos do mar polos pobos de interior, en especial polo Camiño dende a Ría de Muros-Noia á capital galega, que existe dende a Baixa Idade Media.

O cartel inclúe a inauguración dunha mostra sobre a temática que centra as xornadas; unha charla sobre a repercusión dos oficios do mar na ruta xacobea que discorre pola Ría da Estrela, na que intervirán as expertas Montse París, Adela Lestón Mayo e Juana Martínez; outra que recibe o título de Mulleres do mar de hoxe e mañá, na que participarán Rosa Mayo e Alexandra García; e outra, Mulleres do mar de onte, e de mañá?, que contará coas aportacións de profesionais como Agustina Cubelo, Elvira Rey, Pura do Peixe, Delia Lago e Mayka González.

Tamén haberá tres debates, moderados pola xornalista Xiana Iglesias, a actriz Esther F. Carrodeguas e a socia de BenCuriosa, Ruth Sousa, así como un obradoiro sobre o oficio de redeira a cargo de Nasas Meramar. A maiores, programaron diversas actividades complementarias: visitas teatralizadas, xogos e animacións, obradoiros de artesanía, música e exposicións.

As persoas interesadas en asistir que desexen solicitar máis información sobre as xornadas fixadas para os días 9, 10 e 11 de xullo ou inscribirse, poden facelo enviando un correo electrónico ao seguinte enderezo: cultura@muros.es.

No encontro tentarase evidenciar a verdadeira importancia das mulleres no sector do mar, nos eidos laboral, sociolóxico e histórico, co obxectivo xeral de recuperar a memoria das traballadoras muradás vinculadas ao mar, valorizar as súas achegas e servir de base e fomento para a investigación do sector e do papel da muller na configuración da súa identidade e no mantemento e conservación do Camiño. m. c.

05 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.