Ofrecen prácticas sobre Turismo na vila boirense
Boiro. O Concello de Boiro convoca becas de formación nas áreas de Educación Social, Persoal e Recursos Humanos e Turismo, destinadas a persoas que se acaban de graduar na universidade.
O obxectivo é potenciar a formación para aumentar a empregabilidade na localidade. Con esta oferta formativa de bolsas de emprego en diversos departamentos municipais búscase potenciar a formación dual, ofrecendo unha experiencia laboral aos estudantes universitarios, así como poñer en valor as ideas e traballo dos novos titulados participando en proxectos que se leven a cabo na vila.
Os requisitos son ter a titulación universitaria da área correspondente: Grao en Educación Social, en Relacións Laborais e Recursos Humanos ou en Turismo, Historia ou Xeografía e Historia. Os solicitantes deben ter finalizados os estudos nos últimos tres anos, ser menores de 31 anos e inscribirse no Servizo Público de Emprego.
Ofértanse tres bolsas: en Persoal e Recursos Humanos, de máximo seis meses; en Educación Social, de seis; e en Turismo, de dous. s. s.