Oito comunidades rianxeiras marcan as directrices para ordenar os montes
Consensuaron xunto con Fousas ao Monte un documento con propostas de actuación
Rianxo. A Plataforma pola Defensa do Monte vén de elaborar e consensuar o documento Directrices de ordenación do espazo forestal en Rianxo. Os representantes das comunidades de montes de Araño, Asados, Burés, Fieitoso, Isorna, Leiro, Paradela e Ourille, así como a asociación veciñal Fousas ao Monte, que representan máis de 1.500 hectáreas de monte comunal, queren promover deste xeito unha ordenación conxunta e racional dos montes comunais, de modo que poidan minorizarse e controlarse os lumes, así como facer posible unha xestión sustentable no tempo dos seus recursos.
O obxectivo deste documento é trasladarlle ás administracións públicas con competencias na ordenación forestal unhas directrices das que partir para elaborar un proxecto conxunto de ordenación sostible entre todos os axentes implicados e que teña en conta a dinámica dos grandes lumes que periodicamente asolagan a superficie forestal do citado concello.
Sobre a experiencia acumulada, identifícanse e descríbense as dúas áreas especialmente significativas en grandes lumes forestais. Concretamente, a que discorre na baixada de Muralla cara a Taragoña e a de entrada do lume dende a zona da Paradegua, no concello de Dodro.
O conxunto da mencionada proposta acompáñase de documentación cartográfica na que se recollen as condicións propias do territorio e as propostas de prevención e contención dos lumes.
ACCIÓNS SILVÍCOLAS. O documento acompáñase dun conxunto de accións silvícolas relativas a establecer unha ordenación racional que acoute a extensión máxima de rodais continuos de eucalipto ata cen hectáreas, que fomente a diversificación de especies e as masas mixtas, que promova o uso silvopastoral dos terreos forestais e a eliminación de invasoras e que promova tamén concentracións parcelarias, entre outras medidas. s. souto