Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os nacionalistas apostan por destinar 15 millóns de euros á rexeneración do bordo litoral da ría noiesa

NOIA. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, rexistrou emendas aos orzamentos xerais do Estado (OXE) destinadas a mellorar o investimento nos municipios da ría de Muros e Noia por valor de 16,7 millóns de euros. Entre as propostas da formación nacionalista destaca unha delas, pois propoñen destinar un total de 15 millóns de euros para desenvolver un ambicioso plan de rexeneración do bordo litoral da ría de Muros e Noia.

O deputado nacionalista lembra que “do bo estado da ría dependen de forma directa 1.700 postos de traballo tan só na Confraría de Pescadores San Bartolomeu, ao que hai que sumar o resto de confrarías e todos os postos indirectos que xera a actividade marisqueira”.

A intervención que demanda o BNG vai acompañada da aposta pola cooperación entre Administracións para deseñar un plan de mellora da calidade das augas e da produtividade dos bancos marisqueiros.

“A rexeneración da ría de Muros e Noia debe ir unida á reclamación á Xunta de dar pasos urxentes para culminar o saneamento dos municipios. Carece de sentido rexenerar unha zona sen que ao mesmo tempo se deseñe un calendario para rematar cos vertidos de augas residuais incontrolados”, afirma ao respecto Rego.

Por outra banda, a formación nacionalista demandou outras tres actuacións na zona. Así, o BNG pide unha actuación de rexeneración nos recheos sobre a zona húmida de San Lázaro, a retirada das tubaxes de fibrocemento e a mellora paisaxística da praia da Barquiña e a rexeneración do espazo protexido da marea do Conchido.

Por último, desde o BNG solicitan a rehabilitación do inmoble que acolle a casa da cultura Antón Avilés de Taramancos e a realización dun proxecto que estude as posibilidades de conexión ferroviaria da ría de Muros e Noia con Santiago de Compostela. m. cano

08 nov 2022 / 16:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.