Outes abriu o musealizado estaleiro de Ciprián, novo referente turístico da vila
outes. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, presidiu este sábado en Outes a apertura ó público do musealizado estaleiro tradicional de Ciprián, que se rehabilitou e acondicionou como centro de interpretación da carpintería de ribeira con financiación do GALP Costa Sostible e do Concello. Rodríguez puxo esta iniciativa como exemplo de recuperación do patrimonio marítimo relacionado coa carpintería de ribeira. A Xunta aportou 103.000 euros para a rehabilitación desta instalación (que estivo en activo de 1942 a 1980) e outros 200.000 euros para a adecuación da contorna, que consistiu no acondicionamento da parcela da parte superior do estaleiro, na mellora da accesibilidade e na creación dun punto de información de carácter móbil. Pola súa banda, o Concello aportou 250.000 €. s. souto