Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Outes activa o centro de emprendemento con tres proxectos de turismo, asesoría fiscal e arquitectura

OUTES. O Centro de Emprendemento de Outes (CEO) vai iniciar nas vindeiras semanas a súa actividade despois de que se adxudiquen o luns os tres primeiros postos que se solicitaron. Trátase de negocios relacionados coa asesoría fiscal, o turismo e a arquitectura. Hai un cuarto emprendedor local interesado en instalarse no complexo, cun negocio pertencente ó eido da comunicación audiovisual. Dado que as instalacións teñen capacidade para un total de seis proxectos (ampliable a outros seis máis), aínda que o prazo de inscrición xa rematou, manterase aberto ata completar as prazas dispoñibles. O Centro de Emprendemento de Outes, situado na Serra, ofrécelle a todas as persoas emprendedoras do municipio un espazo de traballo dotado de mobiliario, conexión de Internet a alta velocidade e sala de reunións, así como asistencia técnica e apoio no proceso de desenvolvemento e consolidación de iniciativas empresariais. O CEO bota a andar cunha capacidade de seis postos de traballo situados na planta baixa das antigas escolas do Bosque, na rúa da Capela, con posibilidade de ampliación. O alcalde, Manuel González, asegurou que o espazo de coworking aspira a servir de lanzadeira para a creación de empresas e permitirá xerar emprego. Os requisitos para acceder ao uso das instalacións do CEO son: ser titular dunha empresa constituída e con sede fiscal no municipio de Outes que teña unha antigüidade non superior aos tres anos, ou ser un profesional independente con sede fiscal en Outes e con necesidades temporais de acceso aos servizos do CEO. O dereito de uso das mencionadas instalacións ten unha vixencia máxima de dous anos, prorrogable por dous períodos de seis meses. O complexo é ademais un espazo no que os usuarios e usuarias poidan compartir proxectos e experiencias, así como no que promover a innovación, as novas tecnoloxías e os sectores emerxentes. S. Souto

08 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.