Outes busca pasar o PAI
a unha escola infantil e así sumar prazas
Xa comezaron as obras no colexio vello de Roo, onde situarán estas novas instalacións
Outes. Despois de que varias familias quedasen sen praza para os seus fillos no Punto de Atención á Infancia (PAI), o Concello de Outes vén de informar de que está realizando os trámites para ampliar as prazas de Educación Infantil que actualmente oferta. O alcalde, Manuel González López, recordou que no ano 2020 se ampliaran os servizos ofrecidos polo PAI, aumentando horarios e persoal “para garantir a oportunidade dunha conciliación efectiva ás familias de Outes”.
O anterior, xunto coa extensión da gratuidade por parte da Xunta, “provocou que a demanda deste servizo se vira incrementada, razón pola cal se fai oportuno ampliar a oferta de prazas”, dixo.
O rexedor indicou que se traballa co obxectivo de converter o actual PAI nunha Escola Infantil que posibilite o aumento de prazas dispoñibles, situando as instalacións na planta baixa do colexio vello do Cruceiro de Roo. De feito, as obras de adecuación deste edificio xa comezaron hai varias semanas, e preténdese que estean rematadas antes de final de ano.
González sinalou que se traballa en varias frontes á vez: na obtención da autorizacion por parte da Xunta para a apertura da Escola Infantil; na elaboración e aprobación dun novo regulamento, e no remate das obras no Cruceiro de Roo o antes posible.
Agarda que para o curso que vén, ben a principios ben a mediados, se conte cunha Escola Infantil con novas instalacións e con máis prazas para atender a demanda das familias de Outes. m. c.