Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Outes destina 600.000 € a mellorar a depuración e ampliala a Santo Ourente

González prevé mobilizar catro millóns do remanente // Para acondicionar estradas reservaranse 440.000 euros

O goberno local de Outes presentará no vindeiro pleno unha batería de proxectos e investimentos a cargo dos remanentes de Tesourería. Segundo o alcalde, Manolo González, “a decisión do Goberno central de suspender as regras de gasto e de estabilidade orzamentaria permítenos por fin usar parte dos máis de catro millóns de euros que acumulamos en proxectos que son vitais para o noso municipio”.

Así, preto de 600.000 € dos recursos que se pretenden mobilizar irán destinados á reparación e mellora do sistema de saneamento, destacando a reparación das depuradoras de augas residuais da Serra de Outes e de Cando e a dotación deste servizo ós lugares de Quintela e Ousesende, na parroquia de Santo Ourente. Do mesmo xeito, máis de 440.000 € irán destinados a proxectos de mellora e reparación de camiños e vías públicas en distintas parroquias, así como á construción dunha senda peonil para conectar a vila de Serra ca piscina municipal.

Outro volume importante de recursos, 228.000 €, serán para o mantemento de espazos de lecer e infraestruturas públicas, destacando o mantemento dos paseos marítimos do Freixo e Broña e do paseo fluvíal do río Tins, así como a reparación das instalacións do Clube de Remo Taxamar, en Pontenafonso.

Finalmente, outro proxecto de grande relevancia que se pretende acometer con estes fondos será o da adecuación do colexio do Cruceiro de Roo para convertilo en Punto de Atención á Infancia, intervención que ascende a preto de 170.000 €.

O alcalde indicou que agarda o apoio de todos os grupos da Corporación municipal, pois “son actuacións urxentes e moi necesarias para a mellora da calidade de vida e do benestar da cidadanía, así como para coidar do noso principal sector: o marisqueiro”, referíndose particularmente aos recursos que se destinan á mellora do saneamento.

Do mesmo xeito, González indicou que a mobilización destes recursos suporá un impulso para a economía local, na medida en que “hai actuacións ás que seguramente concorrerán empresas locais”. Ademais, resérvase unha partida de 40.000 euros para reforzar a liña de axudas para autónomos e pequenas empresas PEL-Reactiva, destinadas a paliar os efectos da covid-19.

17 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.