Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Outes inicia os trámites para crear o polígono

Vai modificar o PXOM para incluír a zona de uso industrial

O goberno de Outes anunciou onte que o Concello vai iniciar os trámites para modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de cara a incluír no mesmo unha zona reservada para solo urbanizable de uso industrial.

Unha decisión que foi adoptada, segundo indican, na comisión creada ao efecto e na que participan todos os grupos da corporación outense, a cal tamén manifestou a preferencia polo zona da Xurisdición, próxima á Serra de Outes, e que a priori cumpre cos requisitos para este tipo de solo. “Trátase de terreos nos que xa existe algunha nave na actualidade e que inclúen áreas fundamentalmente de uso forestal e, nalgún caso, agrario”, explicou o mandatario local, Manuel González.

Desta maneira, o primeiro trámite consistirá na redacción dun estudo de avaliación ambiental que, unha vez concluído, será enviado á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para ser sometido a consulta pública e para que se emitan os pertinentes informes sectoriais.

Ao respecto, o alcalde outense sinalou que “trátase dun primeiro, pero importante, paso dun proceso que é complexo e que será longo, pois depende de varias administracións, e que agardamos chegue a bo porto”. Tamén destacou que esta localización conta co beneplácito do tecido empresarial, con quen se mantivo unha reunión e a quen se lle consultou sobre as distintas alternativas.

demanda Dotar ao municipio de chan industrial é unha demanda que existe dende hai anos na localidade outense. En anteriores ocasións, Manuel González comentou que “Outes non conta actualmente co chan industrial derivado dunha sentenza xudicial e é compromiso da corporación facer os cambios pertinentes no PXOM para incorporar unha zona que cumpra as características que require este tipo de espazos e máis as normativas existentes a nivel autonómico”.

Á hora de elixir a localización tiveron en conta aspectos socioeconómicos, ambientais, así como a superficie ou as comunicacións.

02 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito