Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Outes redactará un plan municipal en materia de desenvolvemento sostible

Contará co apoio do Fondo Galego de Cooperación e será pioneiro na comarca

Outes. Outes será un dos sete concellos galegos que redactará un Plan Municipal para a Implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles (ODS) co apoio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Ademais de Outes tamén foron seleccionados A Guarda, As Pontes, Guitiriz, Nigrán, Verín e Viveiro.

A realización deste plan, indicaron dende a administración municipal, permitirá facer unha diagnose sobre a situación actual do concello de Outes con respecto a súa contribución e aliñamento cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles e á Axenda 2030, tanto a nivel de estratexias municipais, como de implementación real a medio e longo prazo.

Esta diagnose inicial “servirá como guía e referencia á hora de elaborar o Plan Municipal de Implementación dos ODS, e unha serie de accións de comunicación e sensibilización aos colectivos sociais e á cidadanía en xeral”, apuntaron fontes municipais.

Segundo explicou o alcalde, Manuel González López, a idea é recoller información relevante e promover a colaboración e interese desde o comezo polo que a metodoloxía de traballo será eminentemente participativa. O mandatario local tamén detallou que se realizarán entrevistas tanto ao persoal técnico municipal como a entidades e asociacións do municipio. “A idea é que tanto as administracións públicas como as organizacións sociais, poidan incorporar o Plan de Acción resultante dos estudos feitos”, sinalou González López.

O rexedor outense asegura que se farán tamén unha serie de vídeos explicando proxectos que se están levando a cabo neste momento e unha xornada final que permita sensibilizar aos axentes municipais sobre a necesidade de cumprir coa Axenda 2030. “Buscamos que o documento sexa unha ferramenta útil e aplicable a medio e longo prazo marcando metas e obxectivos concretos para acadar unha sociedade máis sostible e preservar o planeta para as xeracións futuras”. concluíu o munícipe.

Cómpre lembrar que a Axenda 2030, aprobada no ano 2015 pola ONU, é un plan de acción en favor das persoas, o planeta e a prosperidade, que quere fortalecer a paz universal e que fixo os obxectivos que se deben alcanzar, antes do ano 2030. m. c.

18 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.